O Grupo Socialista de Ferrol propón mellorar a sinalización de acceso a San Felipe cun código QR e aplicar un período pedagóxico antes de sancionar
Julián Reina trasladou na Comisión de Urbanismo a necesidade de facilitar a información aos veciños, repartidores e servizos de San Felipe, así como de priorizar os avisos informativos fronte ás multas ante a primeira infracción.
Ferrol, 24 de xullo de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal Socialista de Ferrol, Julián Reina, formulou unha serie de propostas e consultas na Comisión de Urbanismo co obxectivo de garantir unha transición máis clara, informada e xusta para os condutores, profesionais e residentes do núcleo de San Felipe diante das novas medidas de regulación e acceso á zona.
Durante a sesión da comisión, Reina interesouse de xeito específico polo estado da sinalización instalada na contorna de San Felipe e por como se está a xestionar a autorización dos vehículos de repartidores, comerciantes e outros servizos fundamentais que precisan acceder ao barrio.
Co fin de evitar confusións e facilitar os trámites á veciñanza de San Felipe e aos profesionais do transporte, o concelleiro socialista propuxo a instalación de cartelaría equipada con códigos QR nos accesos. Esta medida permitiría consultar no momento e dende o teléfono móbil a normativa específica, os requisitos para ser persoa autorizada e o enlace directo á web municipal para tramitar os permisos.
Unha xestión pedagóxica para San Felipe fronte ás sancións directas
Así mesmo, Julián Reina defendeu a importancia de aplicar un criterio pedagóxico e preventivo antes de recorrer ás multas neste ámbito. Neste sentido, propuxo formalmente que, ante a primeira infracción detectada na zona de San Felipe, o Concello emitaunha advertencia informativa e non unha sanción económica, dando así un marxe razoable para que a veciñanza e os condutores habituales se adapten ao novo sistema.
Desde o Grupo Municipal Socialista solicitan que se adopten criterios de prudencia e información ao cidadán, e insisten en que calquera regulación do tráfico nunha zona tan senlleira como San Felipe debe ir acompañada de facilidades administrativas para os seus residentes e para os servizos que alí operan.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS