O PSOE de Ferrol denuncia a parálise total das obras na pista da Cabana ante a “manifesta incapacidade” de Rey Varela
O concelleiro socialista Julián Reina afea que o alcalde “nin se entera” do estado real da cidade e daba por solucionado o problema en 2025, mentres hoxe os traballos seguen abandonados.
Reina explica en detalle os incumprimentos técnicos e detalla que a empresa apenas executou o retirado do peche inicial previsto n o primeiro mes.
Ferrol, 9 de xullo de 2026.- O concelleiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Ferrol, Julián Reina Villalón, denunciou publicamente o estado de parálise absoluta no que se atopan as obras de reparación e acondicionamento da pista deportiva exterior da Cabana. Para o edil socialista, este proxecto converteuse nunha proba irrefutábel de que o alcalde, o Señor Rey Varela, “non é capaz de xestionar nin as grandes nin as pequenas obras, nin moito menos o mantemento diario que precisa a nosa cidade”.
Reina cualificou de “indignante” que o rexedor viva “totalmente desconectado da realidade de Ferrol”. Segundo lembrou o concelleiro, para José Manuel Rey Varela este asunto xa estaba resolto no ano 2025, tal e como el mesmo vendeu nos medios de comunicación anunciando o inicio inminente duns traballos que hoxe seguen paralizados. “O peor de todo é que nin se entera de que a pista está empantanada”, subliñou.
O propio concelleiro socialista foi o encargado de debullar os datos oficiais do expediente administrativo que deixan en evidencia a xestión do Goberno local.
O contrato para as obras se formalizou o pasado 4 de novembro de 2025. Con este calendario na man, o edil sinalou que os traballos sobre o terreo debían ter comezado, como moi tarde, o 4 de decembro de 2025. Dado que o proxecto conta cun prazo de execución estrito de 4 meses, a pista deportiva tiña que estar completamente rematada e lista para o desfrute da veciñanza no pasado mes de marzo de 2026. Porén, a realidade actual é que a obra leva meses totalmente parada.
Neste sentido, Reina expuxo a documentación técnica do proxecto para demostrar o nulo avance dos traballos. Analizando o plan de obra oficial, o edil socialista constatou que non se completaron nin sequera as tarefas asignadas ao primeiro mes de planificación. Da listaxe de actuacións previstas, practicamente o único que se levou a cabo foi levantado do peche existente.
Detallou minuciosamente a inmensa cantidade de traballos estruturais e de acondicionamento que fican completamente pendentes e abandonados polo executivo Rey Varela:
Pavimentación da pista e do contorno: Queda por colocar a capa de aglomerado asfáltico de 4 cm e as correspondentes capas de morteiro de resinas sintéticas, texturado acrílico e o selado final de pintura.
Sistema de drenaxe: Está totalmente pendente a limpeza e adaptación da canle de evacuación de augas pluviais coas pezas en “L” e as reixas desmontables de tipo C-250.
Peche perimetral: Falta por reparar os postes metálicos e colocar a nova malla de simple torsión plastificada.
Equipamento e sinalización: Non se realizou o pintado das liñas de fútbol sala, balonmán e minibasquet, nin se arranxaron as canastras vellas nin se instalaron as novas.
“O que ía ser un espazo renovado para o deporte base e o lecer dos mozos e mozas da Cabana é hoxe un espazo degradado, perigoso e valado a medias por culpa da desidia municipal”, lamentou Julián Reina.
Dende o Grupo Municipal Socialista tamén se quixo poñer o foco na “opacidade” coa que actúa o Executivo do PP. Reina criticou con dureza as escasas comisións de obras que se convocan no Concello e denunciou que, nestas raras ocasións, o Goberno local evita dar explicacións e agocha sistematicamente a situación real de parálise que sofren os investimentos na cidade.
Para rematar, o edil socialista concluíu afirmando que neste Concello “non só falta traballo na xestión, senón que falta o máis importante: interese polo benestar de Ferrol”. Aproveitando o inicio do período estival, Reina lanzou unha mensaxe directa ao alcalde: “Agora que o Señor Rey Varela pasará menos tempo en Madrid no Senado polas vacacións de verán, a ver si os veciños e veciñas de Ferrol temos un pouco de sorte e o alcalde atende, aínda que sexa por un intre, á cidade que se supón que goberna”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS