O PSdeG-PSOE de Ferrol denuncia un novo atraso nas obras da envolvente do Centro Cívico de Caranza ante “a inercia e as ausencias” de Rey Varela
O concelleiro socialista Julián Reina critica que o goberno local tentase ocultar á cidadanía a parálise do proxecto, que non estará rematado, como mínimo, ata finais de agosto.
O grupo socialista lamenta que Ferrol estea “condenado a ser gobernado pola inercia” debido á falta de liderado e de xestión do alcalde do Partido Popular.
Ferrol, 16 de xuño de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Ferrol, Julián Reina, denunciou publicamente un novo fracaso na xestión do goberno local tras confirmarse un importante atraso nas obras de reparación da envolvente do Centro Cívico de Caranza. Reina acusou directamente ao alcalde, José Manuel Rey Varela, de volver a ocultar á cidadanía a realidade duns traballos que tiñan que estar listos este mes e cuxo prazo tivo que ser ampliado oficialmente ata o 31 de agosto de 2026.
“Ferrol non se pode permitir que o alcalde, coas súas continuas ausencias, teña condenada a esta cidade a que a goberne a inercia”, sinalou con dureza o concelleiro socialista. Para Reina, a situación do Centro Cívico de Caranza é o reflexo dun “goberno esgotado e sen dirección”, máis preocupado pola propaganda que por solucionar os problemas reais dos veciños e veciñas.
O representante socialista revelou os datos técnicos do expediente de contratación que reflicten a nefasta planificación do Executivo de Rey Varela. Segundo a documentación oficial do Servizo de Contratación e Patrimonio, a obra adxudicouse en novembro de 2025por un importe de case 500.000 euros e cun prazo inicial de execución de seis meses. Contodo, o ritmo de execución material chegou a ser do 0% durante os primeiros meses.
A pesar de que a contratista expuxo formalmente dificultades para a execución e o “atraso” estimado en 10 semanas (70 días en total), o goberno municipal mantivo un silencio absoluto. De feito, o propio Servizo de Contratación do Concello fixo constar no informe que existen aspectos “non suficientemente xustificados” pola dirección da obra, tales como:
Falta de previsión: O motivo polo que non se procedeu a suspender temporalmente o
contrato cando o ritmo de execución inicial era do 0%.
Falta de claridade: A nula xustificación da relación entre o prazo no que estivo interrompida a execución e o tempo total de ampliación solicitado.
Incerteza sobre o remate: A falta de garantías que certifiquen que a nova data (31 de agosto de 2026) vaia ser suficiente para rematar os traballos , que segundo os últimos datos de abril apenas acadaban o 32,82% de execución.
Julián Reina censurou que o alcalde intentase esconder esta información. “O grao de execución do proxecto pon en evidencia que o goberno local non supervisa os contratos públicos”, subliñou o concelleiro do PSdeG. “Rey Varela volveu ocultar un novo fracaso de xestión. Desde o Grupo Socialista esiximos transparencia e que o alcalde asuma as súas responsabilidades, porque os veciños de Caranza non teñen por que pagar as consecuencias dun alcalde ausente e unha cidade sen rumbo”, concluíu Reina.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS