Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE de Ferrol lembra que o convenio con Narón non é un“acordo histórico”, senón o cumprimento dunha sentenza impulsada polo anterior goberno socialista

Rafael Fernández critica que o PP pretenda apropiarse dun resultado derivado dun procedemento xudicial ao que se opuxo e que mantivo paralizado durante case dous anos

Ferrol, 12 de xuño de 2026.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol considera unha manipulación política presentar como un “acordo histórico” o convenio anunciado entre Ferrol e Narón para a xestión do saneamento e da depuración de augas, cando o propio documento recoñece que non é máis que o cumprimento dunha sentenza xudicial derivada dun procedemento iniciado no anterior mandato polo goberno socialista.

O concelleiro socialista Rafael Fernández lembrou que foi o anterior executivo quen tomou a decisión de acudir aos tribunais para defender un reparto xusto dos custos do saneamento e evitar que a cidadanía ferrolá continuase asumindo unha carga económica que non lle correspondía. “O que hoxe vende o PP como un logro político non nace do diálogo nin dunha iniciativa do actual goberno, senón dunha sentenza consecuencia dun proceso impulsado polo PSOE”, afirmou.

Fernández criticou que o Partido Popular pretenda atribuírse agora un resultado ao que non contribuíu e ao que, ademais, se opuxo politicamente no seu momento. “Cómpre recordar que o PP non estaba de acordo coa vía xudicial iniciada polo anterior goberno e que mesmo o procedemento permaneceu suspendido durante case dous anos baixo o mandato de Rey Varela, sen avances nin explicacións públicas convincentes”, sinalou.

Para o Grupo Socialista, resulta evidente que este convenio non constitúe un fito político extraordinario, senón a formalización administrativa dunha obriga legal xa establecida polos tribunais. “Non estamos ante un acordo histórico; estamos ante o cumprimento dunha sentenza. O verdadeiramente importante é que Ferrol deixe de asumir uns custosinxustos que durante anos prexudicaron os intereses económicos da cidade”, apuntou Fernández.

O edil socialista insistiu en que o PSOE sempre defenderá un reparto xusto dos custos do servizo e a protección dos intereses de Ferrol, tal e como fixo no goberno e segue facendo desde a oposición. “A política útil non consiste en apropiarse de logros alleos, senón en dicir a verdade á cidadanía”, concluíu.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes