Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE acusa ao PP de enganar á cidade” con investimentos que nunca executa mentres mantén máis de 20 millóns de euros enpréstamos sen usar

Rafael Fernández: “Piden cartos para obras que non fan. É propaganda financiada
a crédito”


Ferrol, 2 de xuño de 2026.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denunciou hoxe o que cualifica como “un fracaso absoluto de xestión” do goberno de José Manuel Rey Varela, despois de coñecerse que o Concello mantén máis de 20 millóns de euros en créditos formalizados e sen executar, é dicir, préstamos solicitados para actuacións e investimentos que seguen sen facerse.


Para o concelleiro socialista Rafael Fernández, os datos do primeiro trimestre de 2026 confirman o que o PSOE leva anos denunciando: “un goberno especializado en anunciar moito, vender titulares e facer moi pouco”. “Estamos diante dun goberno que pide préstamos para facer obras que logo non executa. É algo dificilmente explicable e aínda máis difícil de defender. Venden proxectos, anuncian investimentos millonarios e logo os cartos quedan parados mentres a cidade segue esperando”, criticou Fernández.


Desde o PSOE consideran especialmente grave que o executivo local manteña máis de 20 millóns de euros de financiamento sen utilizar, mentres Ferrol acumula barrios deteriorados, actuacións pendentes e investimentos prometidos que nunca se materializan. “É a demostración máis clara do fracaso deste mandato: nin executan o orzamento nin son capaces de utilizar os préstamos que pediron para transformar a cidade.

O PP converteu Ferrol nun escaparate de promesas incumpridas”, denunciou o edil socialista. O Grupo Socialista lembra ademais que en 2025 o goberno municipal deixou sen executar máis do 80 % do orzamento de investimentos, executando apenas 17 euros de cada 100 anunciados para obras e infraestruturas.


“Levamos dous anos seguidos de fracaso absoluto en investimentos. Primeiro foi o 7,8 % de execución en 2024. Agora un 16,8 % en 2025. E mentres tanto seguen vendendo anuncios como se a cidade non vise a realidade”, lamentou Fernández. Para os socialistas, a situación resulta “aínda máis indignante” porque se produce mentres o goberno municipal sube impostos e taxas aos veciños, incrementando o IBI, a factura da auga ou os comedores escolares.


“Os veciños pagan máis, pero reciben menos. Recadan máis ca nunca, pero non executan. E agora sabemos algo aínda máis grave: piden préstamos para facer obras que logo deixan nun caixón. Iso non é xestión. Iso é vender fume a crédito”, afirmou Rafael Fernández.


O PSOE tamén critica que esta situación se produza cun goberno que conta con maioría absoluta, máis asesores e máis recursos ca nunca, pero que presenta peores datos de execución que gobernos anteriores en minoría. “Ferrol ten un alcalde a tempo parcial e un goberno máis preocupado pola propaganda que pola xestión. A un ano de rematar o mandato, o balance é devastador: máis anuncios ca obras, máis fotos ca resultados e máis préstamos ca investimentos executados”, concluíu Fernández.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes