O PSOE lamenta a aprobación da disolución da Sociedade Mixta deTurismo “sen un modelo alternativo nin planificación para o futuro”
Verónica Gómez, concelleira do grupo socialista: “Perdemos unha ferramenta mellorable, pero o máis grave é que o goberno segue sen explicar que a substitúe”
Ferrol, 31 de maio de 2026.- O Grupo Municipal Socialista lamentou a aprobación no pleno celebrado o xoves, da disolución da Sociedade Mixta de Turismo, unha decisión que saíu adiante cos votos do goberno local e fronte á que os socialistas manifestaron a súa oposición ao considerar que “o executivo local pecha unha ferramenta sen presentar unha alternativa clara para a política turística da cidade”.
A concelleira socialista Verónica Gómez advertiu durante o debate plenario de que “o problema non é só perder unha ferramenta, senón facelo sen explicar que virá despois”, criticando que o goberno de José Manuel Rey Varela “limitouse a liquidar unha estrutura sen presentar un plan de xestión, unha folla de ruta nin obxectivos concretos para un sector estratéxico para Ferrol”.
“Non defendemos que a Sociedade Mixta funcionase ben nos últimos anos. Era evidente que necesitaba cambios, melloras e incluso unha reformulación profunda”, sinalou Gómez. “Pero entre manter as cousas igual e pechar sen alternativa existían máis opcións, e o goberno nin sequera abriu ese debate”.
Neste sentido, os socialistas lembran que a Sociedade Mixta, malia as súas dificultades, constituía “unha ferramenta máis áxil, cun orzamento propio e cun espazo no que o sector turístico podía participar e opinar sobre as decisións que afectaban á promoción da cidade”.
“Perdemos unha ferramenta que, aínda que non conseguimos que funcionase como debía, permitía certa capacidade de xestión e unha interlocución directa co sector. Agora volvemos a un modelo que xa coñecemos: un negociado municipal que historicamente nunca foi prioritario nin en recursos nin en capacidade de xestión”, advertiu a edil socialista.
O PSOE considera especialmente preocupante que o goberno local non aclarase cuestións fundamentais sobre o futuro da política turística da cidade, como a estratexia arredor do Camiño Inglés, o turismo de cruceiros, o turismo industrial e naval, a potenciación da Semana Santa ou o aproveitamento do patrimonio e da candidatura UNESCO. “Ferrol non pode permitirse que o turismo volva ser o irmán pobre das políticas municipais precisamente nun momento de oportunidades para a cidade”, insistiu Gómez. A concelleira socialista concluíu lembrando a posición defendida polo grupo no pleno: “Nós non votamos en contra dunha disolución; votamos en contra dun baleiro. Porque hoxe péchase unha ferramenta, pero o goberno segue sen explicar que a substitúe”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS