O grupo socialista esíxelle a Rey Varela que “diga a verdade sobre o retraso crítico nas obras de Rubalcava
O concelleiro Julián Reina acusa ao alcalde de Ferrol de utilizar as visitas de altos cargos da Xunta para tapar a súa “incompetencia na xestión” mentres o proxecto acumula unha demora flagrante respecto ao plan de obra oficial.
Os datos oficiais revelan que, a piques de superar o ecuador teórico dos traballos, o Concello só tramitou catro certificacións, a última delas por un importe que non chega nin ao 4% do prezo de adxudicación.
Ferrol, 20 de maio de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Ferrol, Julián Reina, esixiulle hoxe publicamente ao alcalde, José Manuel Rey Varela, que“deixe de enganar aos ferroláns e diga a verdade” sobre o estado real e o “parón crítico” que sofren as obras de reurbanización da rúa Rubalcava (Fase I, no tramo entre a rúa María e a Avenida do Rei).
Reina saíu así ao paso tras a recente visita publicitaria realizada polo alcalde xunto á conselleira de Planificación de Infraestruturas e Vivenda, María Martínez Allegue. Para o edil socialista, este acto non é máis que un intento desesperado de “tapar coa presenza de altos cargos da Xunta a evidente incompetencia e desidia na xestión dunha obra fundamental para a mobilidade e o comercio do centro da cidade”.
Fronte ao triunfalismo do Goberno local, que afirma que os traballos se desenvolven “segundo o previsto” , o Grupo Socialista contrapón a realidade documental do proxecto. O contrato administrativo foi asinado en novembro co obxectivo de cumprir un prazo estrito de execución de 12 meses, iniciados formalmente o pasado 18 de novembro de 2025 tras a acta de reformulo.”Estamos a piques de alcanzar o ecuador temporal do contrato e a realidade administrativa destapa unha parálise gravísima”, advertiu Julián Reina.
A documentación oficial do Concello confirma que só se tramitaron catro certificacións de obra ata a data. A última delas (a Certificación no 4, correspondente a todo o mes de febreiro de 2026 e aprobada por decreto a finais de marzo) reflicte un importe de apenas 48.068,18 euros (IVE incluído). Esta cifra resulta ridícula se se compara cos datos do Plan de Obra oficial do proxecto. Para o terceiro mes de execución, o cronograma financeiro estipulaba que o acumulado a orixe debera superar xa con creces os 300.000 euros do Orzamento de Licitación (PBL), esixindo a execución total (100%) das tarefas de demolición, desmontaxe e movementos de terras. Porén, a contía certificada pola UTE adxudicataria (por un prezo total de adxudicación de 1.289.860,00 €) demostra un retraso acumulado que o alcalde non pode ocultar.
O Grupo Socialista volveu alertar de que esta falta de ritmo non só prexudica o día a día dos veciños con gabias e valados abertos , senón que pon en serio perigo os fondos públicos que financian a intervención, achegados nun 88,8% pola Xunta de Galicia a través do convenio de rexeneración urbana. “Se o Goberno de Rey Varela é incapaz de premer á adxudicataria para que execute e certifique nos prazos previstos, Ferrol corre o risco real de perder as subvencións autonómicas por culpa do incumprimento dos fitos do contrato”, subliñou Reina.
Por todo isto, o PSOE reiterou na comisión de Urbanismo o acceso detallado a todas as certificacións mensuais. “Os ferroláns merecen un alcalde que xestione e controle as empresas contratistas, e non un que se limite a facerse fotos sobre o formigón pulido mentres os prazos se botan encima e o centro languidece”, concluíu o concelleiro socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS