Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE de Ferrol propón converter as queixas cidadás en solucións reais para reverter o estado de abandono da cidade

O concelleiro Julián Reina solicita na comisión informativa a posta en marcha de mecanismos de avaliación e seguimento para que os problemas de mantemento non se perpetúen.

Os socialistas instan ao Goberno local a informar á veciñanza sobre as ferramentas da comisión para fomentar unha participación útil e transparente.

Ferrol, 6 de maio de 2026. O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ferrol, a través do seu concelleiro Julián Reina, trasladou unha serie de propostas concretas na comisión informativa co obxectivo de dar unha resposta efectiva á crecente vaga de queixas veciñais.


Ante o evidente deterioro de diversos espazos públicos —marcado por baches, falta de limpeza e desatención en barrios e parroquias—, os socialistas consideran que “non abonda con escoitar”, senón que cómpre “executar e avaliar”. A iniciativa xorde tras os últimos datos que reflicten un malestar xeneralizado na cidadanía ferrolá pola falta de mantemento básico. Para Reina, a actual xestión está fallando no máis elemental: o retorno da información e a eficacia na resolución.

Desde o Grupo Socialista propúxose a inclusión de elementos de avaliación dentro da comisión. O obxectivo é que o Concello conte con indicadores claros que permitan aplicar correccións inmediatas aos problemas persistentes. “Non podemos permitir que un bache ou unha zona de lixo acumulado se convirtan en parte da paisaxe urbana por falta de seguimento”, explicou o concelleiro.


Neste sentido, a proposta socialista pon o foco na trazabilidade: realizar un seguimento axeitado dende que se xera a queixa ata que se executa a solución definitiva. SegundoReina, “a cidadanía merece saber en que punto se atopa a súa reclamación e por que, enmoitos casos, as solucións non chegan ou son insuficientes”.

“Queremos que de cada queixa xurda unha solución real e tanxible. O que propuxemos na comisión é que Ferrol conte con mecanismos de control que obriguen ao Goberno local a ser eficiente. É fundamental que os veciños e veciñas saiban como funciona esta comisión e que ferramentas teñen á súa disposición. A transparencia non é só publicar datos, é demostrar que o Concello traballa para mellorar o estado de abandono que hoxe sofre a nosa cidade.” Precisou Reina

Finalmente, Reina instou ao Executivo local a realizar un esforzo de comunicación para que os ferroláns e ferrolás coñezan os mecanismos cos que conta a comisión informativa. O obxectivo é converter este órgano nunha ferramenta útil de participación onde as demandas sociais non caian en saco roto, logrando así unha mellora integral do espazo común que todos compartimos.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes