Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE denuncia o fracaso do goberno de Ferrol tras verse obrigado a aprobar un Plan Económico-Financeiro

Rafael Fernández: “Ferrol ten máis cartos ca nunca… e menos resultados ca nunca.”


Ferrol, 2 de maio de 2026.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia que a aprobación do Plan Económico-Financeiro evidencia o fracaso na xestión do goberno local, que se ve obrigado a aprobar este documento tras incumprir a estabilidade orzamentaria e a regra de gasto.


Tal e como recolle o propio expediente municipal , este plan non responde a unha decisión política nin a unha mellora da xestión, senón a unha obriga legal derivada dun incumprimento. Para o PSdeG, isto deixa unha conclusión clara: o problema non é económico, é un problema de incapacidade para gobernar.


“Este plan existe porque fallaron no máis básico: gobernar”, sinalou o concelleiro socialista Rafael Fernández durante o pleno.


Ferrol conta hoxe con máis recursos ca nunca, cun maior orzamento e con máis medios dispoñibles. Porén, a realidade é a contraria á que intenta trasladar o goberno: hai menos resultados, menos execución e menos avances para a cidade. Os socialistas denuncian que esta situación non é puntual, senón estrutural. A execución dos investimentos volve situarse en niveis moi baixos, deixando millóns de euros sen utilizar e proxectos clave sen desenvolver. Isto tradúcese nunha cidade paralizada, con obras que non avanzan, oportunidades que se perden e necesidades veciñais que quedan sen resposta.

O propio Plan recoñece o incumprimento dos obxectivos económicos básicos , o que desmonta o relato do goberno. Mentres presumen de ter superávit e recursos na caixa, a realidade é que eses cartos non están chegando aos barrios nin se están transformando en melloras reais para a cidadanía.


Para o PSdeG, o máis grave é que o documento aprobado non inclúe medidas correctoras reais, limitándose a explicar a situación sen ofrecer solucións . “Non hai que controlar a cidade, hai que controlar ao goberno”, advertiu tamén Rafael Fernández, incidindo en que o problema é de xestión e non de falta de recursos.


Neste contexto, o Plan Económico-Financeiro supón tamén a apertura dun escenario de control, limitacións e condicionantes que poden afectar á capacidade de investimento futuro e ao desenvolvemento de proxectos estratéxicos para a cidade.


O Grupo Socialista conclúe cunha mensaxe clara: Ferrol non precisa máis anuncios nin máis titulares. Ferrol precisa un goberno que execute, que planifique e que traballe. E hoxe, os datos din algo evidente: este goberno non o está facendo.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes