O PSOE de Ferrol denuncia o “silencio e desinterese” da concelleira de Turismo ante o risco de perder 1,1 millóns en San Felipe
O Grupo Socialista critica que a responsable de Turismo fose incapaz de dar explicacións sobre un proxecto que apenas supera o 44% de execución cando xa debería estar rematado.
Ferrol, 28 de abril de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denunciou esta mañá a “incapacidade manifesta” do goberno de José Manuel Rey Varela para xestionar as obras de rehabilitación do Castelo de San Felipe. Os socialistas cualificaron de “especialmente grave” que, ante a situación crítica do proxecto, a concelleira responsable da área de Turismo non sexa capaz de dar información nin dar a cara sobre o estado dun dos principais motores económicos e patrimoniais da cidade.
Unha “xestión fantasma” que pon en risco os fondos europeos Tras analizar os informes técnicos, o PSOE alerta de que a obra, financiada con 957.943,34 € procedentes dos fondos NextGenerationEU, presenta un escenario de parálise:
Atraso crítico: A data de hoxe, o nivel de execución non chega sequera ao 45%.
Advertencias ignoradas: A empresa ignorou as ordes de executar a cuberta no verán de 2025, o que provocou que as chuvias paralizasen os traballos interiores.
Inestabilidade: O contrato pasou por ata tres xefes de obra diferentes sen que o goberno local tomase medidas de control.
Turismo sen respostas
Desde o Grupo Socialista fan especial fincapé na actitude da concelleira de Turismo, a quen acusan de “desconexión total” coa realidade do Castelo. “É inadmisible que a responsable de promocionar o noso maior activo turístico non teña respostas sobre por que a obra estáparada ou que plans hai para salvar o financiamento europeo”, sinalan desde o grupo.
“O que estamos a ver en San Felipe é o exemplo perfecto da política de escaparate de Rey Varela: moito anuncio e moita foto, pero unha xestión baleira que nos leva ao desastre. Que a concelleira de Turismo non saiba ou non queira informar sobre o Castelo demostra que para este goberno o patrimonio é só un decorado, non unha prioridade”, afirman os socialistas.
Prórrogas insuficientes
O PSOE subliña que os informes técnicos rexeitaron a pretensión da empresa de ampliar o prazo catro meses, reducíndoo a tan só 38 días naturais por “prudencia técnica”. O novo límite, fixado para o 16 de maio de 2026, é visto polos socialistas como un simple “parche” ante un incumprimento flagrante do cronograma.
O Grupo Socialista esixe ao goberno do Partido Popular que deixe de buscar escusas na climatoloxía e asuma a súa responsabilidade técnica e política. “Ferrol non pode permitirse perder case un millón de euros e manter pechada a súa gran fortaleza pola desidia dun goberno que non sabe xestionar o que recibe de Europa”, conclúen.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS