Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE de Ferrol denuncia un novo crédito de 7 millóns de euros do goberno de Rey Varela mentres segue sen executar as inversións

Rafael Fernández: “O goberno do PP xa supera os 30 millóns de débeda ao longo de tres orzamentos mentres non executa as inversións”

Ferrol, 22 de abril de 2026.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia que o goberno de José Manuel Rey Varela continúa incrementando a débeda do Concello cun novo crédito de preto de 7 millóns de euros para financiar investimentos en 2026, consolidando un modelo de xestión baseado en endebedarse mentres non executa as obras que promete.

Dende o PSOE lembran que esta deriva comezou xa en 2023, coa aprobación dunha póliza de crédito de 6,3 millóns de euros da que non se chegou a executar nin un só euro durante máis dun ano. Lonxe de corrixir esta situación, en 2024 o goberno do Partido Popular impulsou unha nova póliza de crédito de 12 millóns de euros.

A esta dinámica sumouse en 2025 unha nova póliza de crédito por importe de 8,9 millóns de euros, e agora engádese este novo crédito de preto de 7 millóns para 2026, o que sitúa o volume total de endebedamento impulsado polo goberno do PP por riba dos 34 millóns de euros ao longo de tres orzamentos, sen unha execución real das inversións anunciadas.

Agora, o executivo local volve recorrer a unha operación de crédito a longo prazo, a 13 anos e a tipo de xuro variable, para financiar practicamente todas as inversións do 2026, hipotecando o futuro económico do Concello sen garantías de execución. Pero o máis grave, sinalan os socialistas, é que este incremento da débeda prodúcese nun contexto de moi baixa execución orzamentaria e acumulación de recursos sen gastar. Cómpre lembrar que esta situación non é puntual, senón continuada no tempo.

No ano 2024, a execución do capítulo 6 (investimentos reais) foi de apenas o 7,84 %, a peor cifra en máis dunha década. En 2025, lonxe de mellorar, a execución quedou nun 16,8 %, deixando sen gastar máis do 80 % dos recursos destinados a obras e melloras na cidade.

Ademais, esta falta de xestión tradúcese en importantes remanentes e superávit. O Concello pechou con máis de 13 millóns de euros de superávit, non por unha mellor xestión, senón pola incapacidade de executar o orzamento. É diñeiro que debería estar nos barrios, en obras e en servizos, e que quedou na caixa.

Neste sentido, o PSOE critica a contradición do goberno local: por un lado acumula millóns sen gastar e, por outro, solicita novos créditos para financiar investimentos. “O que está facendo o goberno do PP é pedir préstamos para obras que despois non executa, mentres os cartos quedan sen utilizar.

É o exemplo máis claro de mala xestión e falta de planificación”, sinalan. Rafael Fernández, concelleiro socialista, subliña que “non ten ningún sentido endebedarse a 13 anos cando nin sequera son capaces de executar os recursos que xa teñen. O problema non é a falta de cartos, é a falta de xestión”.

Os socialistas lembran ademais que os propios informes municipais xa advirten de que este novo endebedamento pode agravar o incumprimento da estabilidade orzamentaria e da regra de gasto, incrementando o risco financeiro do Concello.

Por todo isto, o Grupo Socialista esixe ao goberno local que abandone esta política baseada na propaganda e no endebedamento, e que se centre en executar os investimentos xa previstos, priorizando as necesidades reais da cidadanía. “Ferrol non necesita máis anuncios nin máis créditos. Necesita feitos. Hai máis cartos ca nunca, pero menos resultados ca nunca”, conclúen.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes