O grupo socialista denuncia a “desorganización” do goberno de Rey Varela nas obras da Malata
Julián Reina critica que o alcalde adxudicase as obras sen ter resolta a dirección das mesmas, o que supón un novo atraso no inicio dos traballos.
Os socialistas preguntan se existe xa un plan de seguridade e saúde para unha intervención que o PP pretende iniciar “sen dar pé con bola”.
Ferrol, 13 de abril de 2026. O concelleiro do Grupo Socialista no Concello de Ferrol, Julián Reina, denunciou hoxe a “falta de previsión e a desorganización” que, ao seu xuízo, está a marcar a xestión do goberno de José Manuel Rey Varela en relación ás obras da fase 1 da cuberta do estadio da Malata.
Tras o anuncio realizado pola Xunta de Goberno Local sobre a adxudicación dos servizos de dirección de obra, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde, Reina sinalou que esta decisión chega “tarde e mal”. O edil socialista lembrou que o contrato para a execución das obras xa foi formalizado o pasado 26 de marzo de 2026 e que, con todo, o goberno local esperou ata o día de hoxe para adxudicar os contratos de dirección e seguridade necesarios para comezar os traballos.
“O alcalde segue intentando ocultar a desorganización do seu goberno”, afirmou Julián Reina. “Adxudicaron a obra sen ter dirección de obra, e agora as actuacións empezan xa con atraso porque teñen que agardar á formalización destes novos contratos de dirección e coordinación de seguridade”. Segundo a documentación oficial, estes servizos foron adxudicados esta semana.
Desde o Grupo Socialista mostraron a súa preocupación pola planificación real dos traballos nunha infraestrutura que debe compatibilizar a reforma coa actividade deportiva. “Preguntamos directamente se está redactado xa o plan de seguridade da obra, un documento indispensable para garantir a integridade de traballadores e usuarios”, cuestionou Reina.
Para o concelleiro socialista, a xestión deste proxecto é o exemplo máis recente dun alcalde que “non dá pé con bola”. “Rey Varela vende unha ‘conta atrás’ mentres os prazos
administrativos demostran que a súa improvisación é a que marca o ritmo de Ferrol”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS