O proxecto socialista para a praza de Rosalía contemplaba “conservar a maior parte das árbores que sexa posible”, e non “aniquilalas” como está facendo Rey Varela
Mato lamenta que, unha vez máis, o alcalde “busque a quen botarlle a culpa de todo o que fai mal ou deixa de supervisar porque pasa o tempo no Senado” “Quen está cortando, a oposición ou o goberno do Partido Popular?”, pregunta o secretario xeral do PSOE de Ferrol
Ferrol, 14 de abril de 2006. O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Ángel Mato, criticou hoxe que o alcalde volva fuxir das súas responsabilidades e trate de xustificar os seus erros “buscando outros culpables, cando o único culpable, por iniciativa propia ou porque está permanentemente ausente, é el”.
Así se expresou despois de que o PP xustificase a masiva corta de árbores na praza de Rosalía de Castro tratado de repartir culpas entre o PSOE e a veciñanza. “Quen está cortando, a oposición ou o goberno do Partido Popular”, preguntou Mato para concluír que, “evidentemente, o único responsable, o que está talándoos, é o alcalde”.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista censurou que o PP alegue agora no seu descargo que o proxecto do goberno do PSdeG-PSOE xa contemplaba rematar coas árbores da praza, cando o certo é que era todo o contrario. Ese proxecto sinalaba, literalmente, que a súa “intención principal” era “conservar todo o arborado existente” e, ante a necesidade de mellorar a accesibilidade do espazo, prevía a substitución de exemplares nunha parte da praza. Aínda así, o documento insistía: “A pretensión neste aspecto sempre será conservar a maior parte das árbores que sexa posible”.
É dicir, a formulación era que en gran parte do círculo que forma ese espazo público se mantivesen as distintas variedades de pradairo orixinais, mentres que no resto do perímetro se trataría de conservar todos os que fose posible e, cando non o fose, substituír por outras as árbores que tivesen que ser retiradas por necesidades das obras. “Nada que ver con aniquilalas como está facendo Rey Varela”, subliñou o líder socialista.
Mato lamentou que Rey Varela “busque a quen botarlle a culpa de todo o que fai mal ou deixa de supervisar porque pasa o tempo no Senado”, un proceder no que ve “unha estratexia para agochar, por unha banda, os seus reiterados erros, e por outra, a parálise dos seus proxectos”.
Advertiu tamén que a política “arboricida” do goberno do PP vai “contra a historia de Ferrol e, o que é peor, contra o seu futuro”. “Na cidade das alamedas ilustradas, na que as árbores sempre tiveron un lugar privilexiado para o goce da veciñanza, parece que o alcalde é feliz botando cemento sobre elas e camiñando xusto na dirección oposta a todas as urbes modernas de Europa. Ou rectifica, ou pagarémolo todas e todos os ferroláns”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS