Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE de Ferrol esixe ao Goberno de Rey Varela que non reciba as obras de asfaltado pola súa “execución deficiente”

O concelleiro socialista Julián Reina denunciou na comisión de Obras que o aglomerado sepultou as reixas de recollida de pluviais e deixou chanzos perigosos entre a calzada e a beirarrúa.

Os socialistas advirten de que a falta de drenaxe e o mal acabado supoñen un risco para a seguridade e a salubridade da veciñanza.

Ferrol, 24 de marzo de 2026. O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Ferrol, a través do seu concelleiro Julián Reina, instou formalmente ao goberno de José Manuel Rey Varela a non recepcionar a obra de mellora do firme executada na rúa Real Baixa, no barrio da Graña.

A solicitude foi realizada no seo da comisión de Urbanismo, Infraestruturas e Obras celebrada o pasado mércores, 18 de marzo.


Unha execución “chapuceira” que ignora a drenaxe O edil socialista cualificou de “inadmisible” o estado no que se pretenden dar por finalizados os traballos. Segundo denunciou Reina, a empresa adxudicataria procedeu ao asfaltado cubrindo directamente as reixas de recollida de augas pluviais.


“Resulta incomprensible que se permita asfaltar por riba dos sumidoiros, taponándoos por completo ou facéndoos desaparecer baixo o aglomerado. Isto non é unha obra terminada, é un problema futuro de inundacións e humidades que o Concello non debe consentir”, explicou o concelleiro.


Riscos para a seguridade peonil
Ademais da obstrución do sistema de drenaxe, o PSdeG-PSOE alertou dunha deficiencia técnica grave nos remates laterais da vía. O aglomerado non se estendeu ata os límites da calzada, deixando un chanzo ou fenda entre o novo asfalto e a beirarrúa.


Para Julián Reina, este “desleixo” por parte do goberno do PP na supervisión das obras supón un perigo real para os veciños e veciñas: “Ese desnivel pode ser un punto onde a degradación do firmeserá moito máis rápida. Rey Varela non pode pretender que os ferroláns paguen por traballos mal executados”.


Responsabilidade política
Dende o Grupo Socialista esixen ao alcalde que dea instrucións inmediatas para que os servizos técnicos de inspección comproben estas deficiencias e obriguen á empresa á súa subsanación inmediata antes de proceder a calquera pago ou recepción oficial.


“Gobernar non é só facerse fotos anunciando obras, é xestionalas con rigor. Pedimos ao Sr. Rey Varela que saia do despacho, mire o estado real das rúas e non reciba unha obra que claramente non cumpre cos estándares mínimos de calidade”, concluíu Reina

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes