O PSOE alerta de que o goberno municipal do PP deixa sen executar máis do 80 % dos investimentos anunciados
Rafael Fernández Beceiro: “Moita propaganda, pouco traballo e un alcalde ausente que usa o Concello para a súa carreira política mentres Ferrol segue abandonada”
“De cada 100 euros programados para obras e melloras, só se executaron 17”, advertiu o concelleiro socialista
Ferrol, 18 de marzo. O concelleiro socialista Rafael Fernández denunciou hoxe que o goberno local do Partido Popular, a un ano de rematar o mandato, evidencia un fracaso total na execución dos investimentos. De feito, segundo sinalou, deixou sen gastar a maior parte do diñeiro destinado a mellorar a cidade.
“Estamos a un ano de rematar o mandato e o balance que deixa o goberno do alcalde-senador Rey Varela é moi claro: moitos anuncios, pero moi pouca execución real. Os grandes proxectos que presentou non se materializaron e Ferrol segue agardando”, afirmou.
Segundo os datos da liquidación do orzamento de 2025, o Concello dispoñía de case 74 millóns de euros para investimentos, pero só executou uns 12 millóns, o que supón apenas un 16,8 %.
En termos claros, máis de 80 de cada 100 euros destinados a mellorar Ferrol quedaron sen gastar, unha situación que, segundo Fernández Beceiro, “non se pode xustificar cando hai necesidades evidentes en todos os barrios da cidade”.
O concelleiro socialista lembrou ademais que esta situación non é nova: “Xa en 2024 vimos a peor execución de investimentos en máis dunha década, con só un 7,84 %. É dicir, 93 de cada 100 euros quedaron sen executar. Non estamos ante un feito puntual, senón ante unha forma de gobernar”.
Para Fernández Beceiro, estes datos evidencian “un modelo baseado na propaganda e nos titulares, pero sen capacidade de xestión nin de levar adiante os proxectos comprometidos coa cidadanía”.
Ademais, sinalou que a execución global do orzamento en 2025 quedou en torno ao 54 %, en liña co 55 % de 2024, “os dous peores datos dos últimos anos, precisamente cando o goberno do PP conta con maioría absoluta e máis medios ca nunca”.
A isto engadiu outro elemento clave: “O Concello recada máis ca nunca, pero ese diñeiro non se traduce en melloras reais. Hai máis ingresos, pero non hai máis investimentos nin máis servizos para a cidadanía”.
“O superávit de máis de 13 millóns de euros non é un éxito”, subliñou, e advertiu que “é a consecuencia directa de non executar o orzamento. É diñeiro que debería estar nos barrios, en obras e en servizos, e que quedou na caixa”.
“Un Concello non está para acumular cartos, está para investilos e mellorar a calidade de vida da xente”, engadiu.
O edil socialista denunciou tamén que esta situación responde a “unha forma de gobernar baseada na propaganda, no uso político das institucións e na falta de dedicación real á cidade”.
“Ferrol ten recursos, ten orzamento e tiña unha maioría absoluta para avanzar. O que faltou foi traballo, xestión e compromiso coa cidade”, afirmou.
Para o concelleiro socialista, a conclusión é clara: “o goberno do PP chega á recta final do mandato sen ser capaz de executar os proxectos que anunciou e deixando a cidade nunha situación de parálise e de oportunidades perdidas”.
“A cidadanía non necesita máis anuncios nin máis titulares. Necesita feitos. E hoxe Ferrol ten máis cartos ca nunca, pero menos inversións ca nunca”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS