O Grupo Socialista no Concello de Ferrol pediulle ao alcalde que aclare se contratou dúas veces a reparación das fachadas do edificio da Estrada de Castela 8.
Reina Villalón: “Dedique un pouco de tempo aos problemas da veciñanza de Ferrol, que para iso se presentou ás eleccións.”
Ferrol, 17 de marzo de 2026. O Grupo Socialista no Concello de Ferrol informou que, segundo o apartado de contratos menores da páxina web de transparencia do Concello de Ferrol, no ano 2025 o Concello de Ferrol contratou a unha empresa, mediante un procedemento de contrato menor, a reparación da fachada do edificio de vivendas situado no número 8 da Estrada de Castela no barrio de Recimil, por importe de 41.483,63 €. Segundo os socialistas, os traballos incluíron, entre outras tarefas, a montaxe do andamio correspondente, que aínda estaba colocado en xuño dese ano.
Tres meses despois, en setembro do mesmo ano, a xunta de goberno do concello aprobou un proxecto para a rehabilitación da envolvente do edificio. O concelleiro socialista, Julián Reina, aclarou que o proxecto incluía de novo a montaxe, desmontaxe e alugueiro de andamiaxe por un importe duns 15.000 € e a limpeza e reparación da fachada, “que entendemos que era obxecto do contrato anterior”.
Segundo a información que constan no expediente, o contrato formalizouse, por un importe de 265.606,50 euros, a finais de decembro de 2025, cun prazo de execución de catro meses.
O grupo socialista considera que, tendo en conta o prazo para a sinatura da acta de inicio, máis da metade do contrato xa debería estar executado, e os atrasos acumulados son evidentes. Lamentaron que probablemente nos enfrontemos a outro proxecto máis que se prorrogará. O grupo socialista lembrou as leccións teóricas sobre como se deben executar as obras que deu o actual alcalde cando estaba na oposición, “un claro exemplo do clásico ‘consejos vendo pero para mi no tengo’ do señor Rey Varela”, replicou Julián Reina.
O grupo socialista solicita que o Sr. Rey Varela coordine a acción do goberno, consideran que non ten sentido que as arcas municipais paguen dúas veces pola mesma obra debido á falta de comunicación e coordinación entre os concelleiros do goberno. Isto non só demostra unha falta de xestión por parte do goberno do PP, senón que tamén demostra que se está a dilapidar diñeiro público sen ruborizarse en proxectos illados mentres que a cidade está abandonada.
Reina Villalón pediulle ao alcalde que “dedique un pouco de tempo aos problemas da veciñanza de Ferrol, que para iso se presentou ás eleccións.” e tamén lle solicitou que aclare se contratou dúas veces a reparación das fachadas do edificio da Estrada de Castela 8.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS