Aprobada por unanimidade a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista para devolver a dignidade ao Arquivo Municipal
Coa reforma do actual goberno, as salas habilitadas para investigadores convertéronse en despachos para asesores e o arquivo pasou a ocupar os antigos aseos
O espazo de consulta redúcese a unha mesa e unha cadeira propias de calquera aula dun instituto
Ferrol, 27/02/2026.- O Pleno do Concello de Ferrol aprobou por unanimidade a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista para recuperar un espazo digno para o Arquivo Municipal e garantir a conservación e consulta axeitada dun dos fondos documentais máis importantes da cidade.
A reforma impulsada polo actual goberno local supuxo o traslado do arquivo ao espazo que anteriormente ocupaban os baños que lle daban servizo, mentres as antigas salas destinadas á consulta e ao traballo dos investigadores foron transformadas en despachos administrativos.
Na actualidade, o espazo habilitado redúcese a unha única mesa e unha cadeira, compartindo ademais o mesmo lugar o persoal técnico e as persoas usuarias, sen condicións mínimas de iluminación, ventilación e comodidade.
O Arquivo Municipal custodia máis de 13.500 caixas e 4.300 libros que recollen séculos da historia administrativa, urbanística e social de Ferrol, incluíndo libros de actas desde 1708 e documentación clave para comprender a evolución da cidade
Trátase dun patrimonio documental de enorme valor, fundamental tanto para investigadores como para a cidadanía que precisa acceder a expedientes, planos ou licenzas.
A moción aprobada lembra que a Lei 7/2014 de Arquivos e Documentos de Galicia establece que todos os arquivos integrados no Sistema de Arquivos de Galicia deben contar con instalacións axeitadas que garantan o mantemento, seguridade e consulta dos documentos.A situación actual, lonxe de responder a estes criterios, evidencia unha preocupante falta de planificación.
Desde o Grupo Municipal Socialista critícase a escasa sensibilidade do goberno local cara ao patrimonio documental e á memoria histórica da cidade. “Un arquivo municipal non é un espazo residual nin un almacén que se poida desprazar segundo as necesidades políticas do momento. É a memoria viva de Ferrol e require respecto, planificación e investimento”, sinalaron.
O acordo plenario insta á reubicación inmediata do Arquivo Municipal nunhas instalacións dignas e á elaboración dun plan de posta en valor que impulse a dixitalización dos fondos máis consultados e converta o arquivo nun verdadeiro motor de difusión cultural. Co respaldo unánime da corporación, o Concello recoñece que a memoria documental de Ferrol merece un tratamento acorde á súa importancia histórica. A aprobación desta moción supón un toque de atención a un goberno que demostrou pouca consideración pola cultura e polo patrimonio común, e abre a porta a recuperar para o arquivo o lugar que lle corresponde.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS