ROLDA DE PRENSA
Ángel Mato: “Sánchez Aguilera debe ser un barrio do século XXI, non un urbanismo propio dos anos 70”
O portavoz socialista advirte de que o proxecto prioriza os coches fronte ás persoas e ás zonas verdes
Ferrol, 12 de febreiro de 2026.- O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ángel Mato, anunciou a presentación de alegacións ao proxecto de urbanización do ámbito de Sánchez Aguilera, un espazo estratéxico chamado a converterse no primeiro barrio desenvolvido integramente no século XXI en Ferrol.
Segundo explicou Mato, aínda que o documento poida cumprir formalmente co planeamento, “non responde ao modelo de cidade moderna, sostible e centrada nas persoas que Ferrol necesita”. Ao seu xuízo, o proxecto presenta un deseño que lembra a solucións urbanísticas “claramente superadas”, ao priorizar en exceso o vehículo privado.
Un dos elementos centrais das alegacións socialistas é o tratamento do contorno do Baluarte do Infante. O portavoz socialista advertiu de que a acumulación de usos nas súas inmediacións inmediatas “impide a correcta posta en valor dun Ben de Interese Cultural e limita o seu desfrute pola cidadanía”.
“Nós defendemos unha ampla antesala verde, continua e libre, que permita contemplar e integrar este elemento patrimonial, non un espazo saturado”, sinalou.
No relativo ao sistema viario, Mato cualificou de “desfasada” a previsión de vías de catro carrís nas conexións interiores. “Sánchez Aguilera debe servir para integrar barrios e favorecer a mobilidade peonil, non para fomentar a velocidade e o tráfico”, afirmou.
O Grupo Socialista tamén critica o que considera un exceso de prazas de aparcamento en superficie. Mato lembrou que a normativa xa garante estacionamentos vinculados ás novas vivendas e que os futuros equipamentos comerciais deberán contar cos seus propios aparcamentos.
“Non podemos desaproveitar unha oportunidade histórica para crear espazos públicos de calidade e convertela nun mega-aparcamento”, advertiu.
Neste contexto, o portavoz socialista lembrou que o propio Partido Popular defendeu no seu momento a creación dun aparcamento subterráneo de 350 prazas, infraestrutura que “non aparece reflectida no proxecto actual”.
Ademais, o PSOE reclama que Sánchez Aguilera se converta nun ámbito prioritario para o desenvolvemento de vivenda pública e protexida destinada á xente nova.
“Este é o lugar idóneo para impulsar unha verdadeira política de vivenda no centro da cidade, mais o goberno local non realizou ningunha xestión nese sentido”, denunciou Mato.
Finalmente, o portavoz socialista instou ao Goberno local a revisar o proxecto durante a tramitación. “Sánchez Aguilera debe ser un barrio do século XXI, pensado para as persoas, para o verde e para a convivencia. Aínda estamos a tempo de evitar erros propios dun urbanismo dos anos 70”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS