O grupo socialista aplaude a intención do goberno local de abrir o Museo do Modernismo e lamenta que se teñan perdido máis de dous anos na súa posta en funcionamento
A concelleira Eva Martínez lembra que en maio de 2023, en plena campaña, a Xunta boicoteou a achega de dous millóns de fondos europeos do Plan de Sustentabilidade Turística, que xa incluían este Museo do Modernismo
Os socialistas subliñan que o Modernismo, en xeral, e a figura de Rodolfo Ucha en singular, non foron valorados como merecían ata o pasado mandato, no que o arquitecto foi nomeado Filo Adoptivo e se potenciaron todas as súas obras
Ferrol, 30 de desembro de 2025. O grupo socialista, a través da concelleira Eva Martínez Montero, valora moi positivamente a posta en marcha do que será un museo do Modernismo, considerando que se trata dunha proposta iniciada e promovida durante o pasado mandato que non foi posible de executar porque “o goberno do Partido Popular da Xunta de Galicia en maio de 2023, en plena campaña electoral, boicoteou a achega de dous millóns de euros a Ferrol a través do Plan de Sustentabilidade Turística, que incluía, entre otras actuacións de grande interese nos barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Esteiro, a posta en marcha deste Museo”.
“A posta en valor do Modernismo e, concretamente, da figura de Rodolfo Ucha e da súa obra, foi un dos pilares da política de patrimonio histórico e de turismo durante o pasado mandato”, subliñou Martínez Montero, que lembrou que foi no goberno de Ángel Mato cando se nomeou a Rodolfo Ucha Fillo Adoptivo e se conmemorou o Ano de Ucha, designouse o parque Rodolfo Ucha en Canido, elaborouse o libro sobre a súa obra por Pilar Freire e unha unidade didáctica, e puxéronse en funcionamento dúas rutas turísticas cos seus códigos e web, entre outras medidas. Por todo iso, o grupo socialista considera positivo que, “por fin, o PP de Ferrol teña dado un paso adiante para avanzar na posta en marcha do Museo de Modernismo, aínda que é unha mágoa que se teñan perdido estes dous anos e medio e que se perderan, nada máis e nada menos, que dous millón de euros que cubrían o 100% das propostas do Plan de Sustentabilidade, para esta actuación e outras de calado para a recuperación e posta en valor do patrimonio histórico da nosa cidade”.
A Semana do Modernismo, pendente de realización polo goberno do PP
Ademais do Museo do Modernismo, a concelleira socialista destacou que hai outra iniciativa que deixara mesmo orzamentada o goberno pasado, a través da Sociedade Mixta de Turismo, para a súa celebración durante o mes de setembro de 2023, e que non só non se desenvolveu, senón que “foi esquecida polo goberno de Rey Varela en 2024, 2025, e semella que tamén en 2026”. Trátase da Semana do Modernismo, unha proposta transversal, que nacía co obxectivo de, involucrando a diferentes áreas do goberno pero tamén a institucións e colectivos diversos da cidade -Universidade, comercio, hostalería, centros de ensino, e entidades veciñais e culturais-, abordar o Modernismo e súa influencia en Ferrol dende diferentes puntos de vista.
Ciclos de conferencias, certames de escaparatismo e gastronomía, feira do Modernismo ou actuacións artísticas en lugares emblemáticos de Ferrol incluíanse no programa inicial, no que tamén se pretendía convidar en cada ocasión a un municipio nacional e internacional para darlle máis pulo e impacto. “E todo, na semana de setembro na que se conmemora a norte do insigne arquitecto, a do 27 de setembro”, engadiu Eva Martínez.
Dous anos coas oficinas de turismo sen contrato
“Pero a realidade é que este goberno municipal non ten proxecto e funciona a golpe de improvisación e de ideas anteriores”, afirmou a concelleira, para a que “as áreas de Turismo e Patrimonio Histórico son o exemplo máis evidente de que non hai nin fío conductor nin interese, máis aló das propostas, e non todas, que estaban feitas do mandato anterior”.
A este respecto, Martínez Montero quixo referirse ás oficinas de turismo municipais, a da praza de España e a do porto, que levan sen contrato dous anos. “Hoxe mesmo cúmprense dous anos dende que rematou o contrato de funcionamento dun dos principais recursos que ten un concello para traballar o turismo, e en dez días cumprirase dous anos do cese da xerante dunha sociede mixta de turismo, que o goberno de José Manuel Rey Varela tivo en stand by ata agora, cando decidiu de forma unilateral disolvela”, manifestou a concelleira do PSdeG-PSOE. “Así funciona o PP de Ferrol: sen proxecto e sen diálogo”, aseverou.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS