O Grupo Socialista solicita un informe xurídico sobre as deficiencias na tramitación do proxecto Abrir Ferrol ao Mar
Ángel Mato reclama que o goberno local aclare as consecuencias do informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e se a execución das obras facendo caso omiso dese documento pode ser constitutiva de algún dos delitos contra o patrimonio histórico regulados no Código Penal
Ferrol, 17 de decembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista vén de solicitarlle ao goberno local un informe xurídico sobre as posibles deficiencias na tramitación do proxecto Abrir Ferrol ao Mar, logo de que esta semana se coñecese que as obras foron informadas desfavorablemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes.
Nun escrito que asina o seu portavoz, Ángel Mato, os socialistas reclaman que se aclare se foi correcto aprobar o proxecto sen o preceptivo informe do departamento dependente do Ministerio de Cultura, e, en consecuencia, se o expediente de contratación tamén foi aprobado conforme á normativa.
Tamén solicitan aclaracións respecto de se é preciso un informe técnico sobre a necesidade de modificar o proxecto para subsanar as deficiencias que sinala o informe desfavorable emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio, ademais das posibles consecuencias que esa circunstancia terá na execución das obras. Finalmente, reclaman explicacións sobre o xeito en que se van subsanar eses problemas administrativos, no caso de que sexa posible, e unha xustificación de que a execución dos traballos facendo caso omiso ao informe desfavorable non sexa constitutiva de algún dos delitos contra o patrimonio histórico regulados nos artigos 321 a 324 do Código Penal.
A concelleira de Urbanismo non acudiu á comisión de hoxe
O Grupo Socialista decidiu rexistrar a solicitude ante a falta de explicacións por parte de Rey Varela ante unha situación que podería poñer en perigo o proxecto. De feito, o goberno local dispoñía hoxe da oportunidade de ofrecer información na Comisión de Urbanismo que se celebrou no Concello. Lamentablemente, a concelleira responsable desa área non se presentou na reunión. Ademais, na axenda municipal non figura ningunha outra convocatoria deste órgano ata o vindeiro 15 de xaneiro.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS