Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O Grupo Municipal Socialista critica que o Goberno Local xustifique a tala das acacias de Irmandiños cun informe de hai 16 anos

Ferrol, 15 de novembro de 2025.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol considera inaceptable que o Goberno do Partido Popular pretenda amparar a tala das acacias da avenida de Irmandiños nun informe técnico elaborado no ano 2009. Afirmamos que é impropio e unha absoluta falta de rigor utilizar un documento de hai 16 anos para avalar unha decisión tan relevante como a eliminación dun conxunto arbóreo histórico da cidade.


Resulta especialmente chamativo que o Partido Popular, que xa gobernou con maioría absoluta entre 2011 e 2015, non realizase ningunha actuación derivada dese informe durante o seu mandato. “Se realmente o informe do 2009 establecía un risco ou unha necesidade urxente de intervir, por que non fixeron nada durante aqueles catro anos? Resulta evidente que non existía tal urxencia”, sinala o Grupo Socialista.


Desde o noso punto de vista, non é serio nin responsable tomar decisións no ano 2025 baseándose unicamente nun documento tan antigo, sen actualización técnica, sen avaliación recente e sen un estudo detallado do estado actual das árbores. Por iso, consideramos que apoiarse no informe de 2009 para xustificar unha tala masiva é, sinxelamente, unha broma de mal gusto para a cidadanía de Ferrol.


O Grupo Municipal Socialista solicitará na próxima comisión o acceso ao informe completo de 2009 e esixirá que o Concello achegue un informe actualizado, realizado por profesionais cualificados, que avale con datos obxectivos a necesidade —ou non— de proceder á tala.


“En 2025 non se pode actuar ás cegas nin con escusas do pasado. Se o Goberno quere xustificar unha decisión tan drástica, terá que presentar un estudo técnico actual e rigoroso. A improvisación e o uso político dun documento tan antigo non son aceptables”, concluímos.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes