O grupo socialista acusa ao alcalde de despreciar á oposición e á cidadanía decidindo unilateralmente e dous anos despois do cese da xerente a disolución da sociedade mixta de turismo
A concelleira Eva Martínez Montero subliña que en 25 meses o PP non respostou ás numerosas preguntas do seu grupo sobre a situación da sociedade, que ten paralizada a politica turística local
Ferrol, 11 de novembro de 2025.- O grupo socialista, a través da concelleira Eva Martínez, acusou ao alcalde, José Manuel Rey Varela, de amosar, “unha vez máis”, a súa “incapacidade de gobernar”, que “choca coa facilidade que ten de xerar problemas”.
Refírese Martínez Montero á decisión do goberno municipal do PP de disolver a sociedade mixta de turismo de Ferrol, anunciada esta mesma mañá en reunión do seu consello de administración.
Para a edila, que ademais exerce de representante do grupo municipal socialista neste consello, “resulta vergoñento e unha falta total de respecto á oposición e, por extensión, á cidadanía, que despois de dous anos dende que se cesou á xerente da sociedade e despois de dou anos de preguntas insistentes en comisións informativas e plenos, o grupo de goberno non teña explicado absolutamente nada e nos veñan agora cun folio que poderia servir para o día seguinte ao cese da xerente, pero non para agora, 25 meses despois”.
“Como xa dixemos ao longo deste tempo, ao Partido Popular non lle interesa en absoluto o turismo como sector de desenvolvemento da cidade e isto é o exemplo máis evidente, coa parálise da xestión turística”, asegurou a concelleira socialista, que engadiu que “ademais, este xeito de enterarnos o día anterior ao consello, sen ter respostado nada antes, amosa unha vez máis esa actitude despótica e absolutista do goberno de Rey Varela”.
Por todo isto, o grupo socialista reclama todo o expediente relativo á disolución da sociedade mixta: informes xuridicos e económicos, xestión realizada ata o momento, e reclamou que se teña en conta ao seu grupo, así como o resto da oposición e entidades e institucións implicadas, á hora de decidir o futuro da xestión turística de Ferrol.
Por último, Eva Martínez lembrou que as oficinas de turismo levan case dous anos sen contrato e esixiu ao goberno municipal que “resolva xa esta situación irregular”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS