Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O Grupo Socialista denuncia a ocultación coa que o goberno do PP quere modificar os postos de traballo do Concello

Defende o papel principal da representación legal dos empregados e empregadas municipais nas negociacións e critica que non se lle facilitase á oposición nin documentación previa, nin información sobre o avance do procedemento, nin ningún tipo de participación

O portavoz, Ángel Mato, lembrou que unha nova RPT marcará a estrutura administrativa do Concello durante os vindeiros anos “estea quen estea no goberno”, polo que é unha “responsabilidade democrática” buscar puntos de entendemento entre as formacións con presenza no pleno

Ferrol, 16 de xullo de 2025. O Grupo Municipal Socialista advertiu hoxe da falta de transparencia que está rexendo a elaboración da relación de postos de traballo do Concello de Ferrol. O goberno local do PP está a tramitar unha nova RPT sen proporcionar información de ningún tipo ao resto de formacións con representación no pleno, pese á importancia dese documento para o funcionamento da Administración local non durante o mandato, senón a longo prazo. Basta lembrar que a actual relación de postos de traballo data de hai máis de dúas décadas.

O portavoz socialista, Ángel Mato, mostrou o seu respecto pola que debe ser, neste tipo de procesos, a “negociación principal”, a que se realiza coa representación legal de traballadoras e traballadores. “Así o defendemos sempre”, afirmou. Porén, reclamou que, por “responsabilidade democrática”, se informe e se escoite á oposición, dado que se trata dun asunto clave que marcará a estrutura administrativa do Concello durante os vindeiros anos, “estea quen estea no goberno”. Do mesmo modo, demandou tamén que esa información chegue a todos e cada un dos traballadores e traballadoras.

Mato explicou que o Grupo Socialista non recibiu ningunha documentación previa, non se lle deu conta de como avanzaba o borrador nin se lle ofreceu ningún tipo de espazo para realizar achegas ou valoracións. A falta de interese por facilitar a participación é, para o voceiro, unha mostra máis do estilo pouco dialogante do Partido Popular e da súa insistencia en adoitar de xeito unilateral medidas que condicionan o futuro do Concello e da cidade. “O PP prefire facer as cousas pola súa conta en vez de buscar algún entendemento”, subliñou para apuntar que, así, o goberno de Rey Varela tamén asume en solitario as responsabilidades políticas das súas decisións.

Con todo, Ángel Mato volveu tender a man, tal como fixo no pleno de investidura e reiterou en outras ocasións, para ofrecer a colaboración do Grupo Municipal Socialista nos grandes temas de cidade. “Non cuestionamos, nin moito menos, a necesidade dunha nova RPT. De feito, vénse reclamando desde hai anos. O que si cuestionamos é o metodo. Precísase dun proceso aberto, informado e participado”, explicou para insistir en que os e as socialistas seguirán traballando “con responsabilidade, dun xeito construtivo e dendendo o interese público e a transparencia na xestión municipal pese aos atrancos, cada vez máis evidentes”, que está a poñer Rey Varela.

Saúdos, Grupo Municipal Socialista

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes