Skip to content

Galego

¡Síguenos!

Ángel Mato denuncia que, mentres Rey Varela defendía no congreso do PP unha rebaixa de impostos, “milleiros de ferroláns e ferrolás recibían un recibo do IBI cunha suba do 10 %ˮ

“Xa son moitas as ocasións nas que o alcalde di unha cousa en Madrid e fai en Ferrol xusto a contrariaˮ, criticou o portavoz do Grupo Socialista

Advertiu das consecuencias da política económica “catastróficaˮ dun goberno local que incrementa a presión fiscal sobre a cidadanía ao mesmo tempo que empeora os servizos e deixa sen executar o 96 % dos investimentos


Ferrol, 8 de xullo. O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ángel Mato, denunciou hoxe que mentres José Manuel Rey Varela defendía, como parte da comisión organizadora do Congreso do PP en Madrid, unha rebaixa de impostos, “milleiros de ferroláns e ferrolás recibían esta mesma semana unha desagradable sorpresa: o recibo do IBI chegou cun incremento dun 10 % respecto ao ano pasadoˮ. “E xa son moitas as ocasións nas que o señor alcalde di unha cousa en Madrid e fai en Ferrol xusto a contrariaˮ, apuntou.

Neste caso, trátase dunha suba en contra da que os socialistas xa se posicionaron no seu momento, cando o pleno do Concello a aprobou unicamente cos votos dos concelleiros do Partido Popular.

“Non é que o alcalde incumpra o que di, Senón que fai abertamente o contrarioˮ, criticou o tamén secretario xeral da Agrupación Socialista ferrolá, que lembrou algúns dos compromisos que Rey Varela adquiriu coa cidadanía na campaña das municipais. “Dentro das súas propostas, formulaba dúas cousas: a primeira era reducir impostos, e a segunda era dotar a Ferrol de solo industrial. Pasado xa o ecuador do mandato, nin unha nin outraˮ, reprochou.

Mato explicou que o incremento do IBI é “unha decisión políticaˮ que afecta a preto de 34.000 veciños e veciñas que teñen en propiedade a súa vivenda ou un local. E esa medida adoitouse “sen diferenciar nin recursos económicos, nin capacidade, nin actividadeˮ. Nese senso, defendeu que calquera política impositiva debe ser “progresivaˮ, en función das posibilidades de cadaquén: “Que pague máis quen máis tenˮ. Tamén demandou que, no caso dunha suba de impostos, existe a obriga de acompañala de máis e mellores servizos. “Pois ben, en Ferrol está a suceder todo o contrario. Temos máis impostos, pero menos servizosˮ, lamentou.

Mentres, o goberno local perdóalle o IBI á Xunta

Neste contexto voceiro socialista afeoulle especialmente ao rexedor que a primeira medida que tomou ao inicio do mandato “foi perdoarlle o IBI ao Sergasˮ. Así, as contas do Concello “non cadran non por unha casualidade; non cadran porque hai unha mala xestión, ou mellor dito, porque non hai xestiónˮ. A súa política económica é, segundo dixo, “catastróficaˮ, algo que, segundo advertiu, “vai ter consecuenciasˮ. Entre elas, un posible freo ao crecemento.

Neste momento, a cidadanía “está a pagar máis impostos que nunca a pesar de que o PP prometeu que os ía rebaixarˮ. Por ese motivo, Ángel Mato apuntou que o PSdeG ferrolán seguirá denunciando esa política fiscal e reclamando que se reverta. “Defendemos un modelo fiscal progresivo. Claro que hai que pagar impostos, pero dun xeito xusto e sostible, sen castigar á maioría da xenteˮ, matizou.

A suba da contribución afecta directamente ao peto de 33.839 ferroláns e ferrolás. O IBI urbano ordinario pasou dun coeficiente do 0,63 % ao 0,69 %. Iso implica un incremento dun 10 % no recibo. Mentres, o IBI diferenciado paraindustrias e hostalería pasou do 0,80 % ao 1,00 %, e o tipo máximo, para características especiais, elevouse ao 1,3 %, de modo que chegou ao límite legal. En paralelo, a concelleira de Facenda anunciou recentemente unha posible revisión catastral, que representaría unha nova “subida encubertaˮ a medio prazo.

En canto ao abastecemento de auga e saneamento, o recibo doméstico aumentou neste mandato ata un 40 %, algo que para o portavoz socialista resulta “inxusto e desproporcionadoˮ. Tamén subiron os comedores escolares, o que afecta directamente a centos de familias. Un exemplo do impacto do novo IBI sobre familias e negocios é que un recibo que antes ascendía a 360 euros supera agora os 400.

A suba do IBI supón para as arcas municipais un incremento da recadación superior aos dous millóns de euros, que os veciños e veciñas xa están pagando, mentres no primeiro trimestre deste ano só se executou un 1,5 % dos fondos destinados a investimentos, o que dá como resultado “unha cidade paralizadaˮ.

Por todo o anterior, o portavoz do Grupo Municipal Socialista reclamoulle ao alcalde “menos anuncios e moitos máis feitos, e menos presión fiscal e moito máis investimento realˮ. Tamén, que deixe de incumprir “sistemática e reiteradamente todo o que prometeuˮ. “Ferrol necesita un cambio de rumboˮ, concluíu Mato.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes