Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O grupo socialista acusa ao goberno de Rey Varela de afogar ás persoas dependentes coa suba da axuda no fogar

Lembran os socialistas que o alcalde minte porque anunciara nos 100 días de goberno a rebaixa nos prezos do 50%

Ferrol, 7 de abril de 2025.- O grupo municipal socialista vén de acusar ao goberno municipal de Rey Varela de “afogar” ás persoas dependentes que son usuarias do servizo de axuda no fogar (SAF), iincrementando os prezos de forma “intolerable” co novo contrato recentemente asinado. Segundo explicou a concelleira socialista Eva Martínez, a suba do prezo hora repercute nas persoas usuarias, no caso de libre concurrencia de forma especialmente sangrante, posto que se trata dun servizo que asumen fundamentalmente o propio Concello e as persoas usuarias.

Como exemplo, a edila socialista citou un caso concreto. “Unha persoa que viña recibindo o servizo por 3,45 euros á hora, o que significa que está na franxa de capacidade económica inferior a 800 euros ao mes, pasará a pagar 4,59 euros por hora, o que se traduce nun incremento do 33%”, afirmou Martínez Montero, que considera “inasumible” para moitas persoas, “sobre todo, cando estamos a falar do colectivo máis vulnerable da sociedade, como é o de persoas maiores dependentes, e dun servizo básico e esencial”. Pero é que, ademais, a concelleira lembra que en setembro de 2023, a piques de rematar os primeiros 100 dias de goberno do PartidoPopular, o alcalde saíra en rolda de prensa para anunciar unha rebaixa na axuda no fogar do 50%. “Pois case dous anos máis tarde, non só non baixaron os prezos, senón que subiron, mesmo en máis dun 30% para rendas baixas”, apuntou.

Por outra banda, Eva Martínez Montero subliñou a escasa implicación da Xunta de Galicia no caso da axuda no fogar no eido de dependencia, achegando unicamente 12 euros por hora, cando o prezo actual case chega aos 24 e, por tanto, “afogando a administración e administrados nun servizo que lles compete” “E unha mágoa que a Xunta de Rueda, que vende a bombo e platillo os investimentos en macroproxectos, non invista en servizos básicos da nosa cidade, que son os que melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas da nosa cidade e, en definitiva, garanten o chamado estado do benestar”.

Por todo isto, o grupo municipal socialista levará a pleno esta cuestión, con vistas a acadar unha baixada dos prezos da axuda no fogar, a través dunha ordenanza que garanta mesmo a gratuidade do servizo para as rendas baixas, e instando, unha vez máis, á Xunta de Galicia a incrementar as achegas dos prezos por hora no SAF de dependencia.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes