Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Patricia Iglesias cualifica de “decepcionantes” os orzamentos de 2027 para Bergantiños e a Costa da Morte

  • A deputada socialista denuncia a falta de avances en infraestruturas, solo industrial, centros educativos, sanidade e saneamento, e reclama maior apoio da Xunta aos concellos da comarca

A deputada socialista no Parlamento galego Patricia Iglesias Rey cualificou de “decepcionantes” os orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 nas comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte, que considera “as grandes esquecidas polo Goberno de Rueda”. A parlamentaria critica que os orzamentos non respondan ás necesidades do territorio e que volvan recoller compromisos que, segundo denuncia, quedan sen executar. 

Iglesias Rey denunciou que os orzamentos “non se incrementaron conforme o fixo o custo da vida”, destacando que en Galicia houbo unha subida do IPC do 5,5 %, e de ata un 17 % nos carburantes e na vivenda e, ante este contexto, asegurou que “a Xunta non fai absolutamente nada”. 

“Chegan tarde, mal e arrastro, e chegan sobre todo, coas mesmas promesas históricas de sempre, que son incumpridas anos tras anos nestas comarcas”, afirmou. 

Entre as principais demandas, a deputada destacou o remate da autovía da Costa da Morte, un proxecto que xa iniciara Touriño e que segue sen executarse e que “se trata dunha infraestrutura básica necesaria para a comarca”. Ademais, criticou a posición da Xunta co mantemento da peaxe da autoestrada entre Carballo e A Coruña, unha situación que cualificou de “falta de coherencia e hipocresía do Goberno galego”. 

A parlamentaria socialista tamén reclamou solo industrial para as comarcas e actuacións para mellorar os centros educativos, nos que, segundo afirmou, existen deficiencias importantes. Ademais de melloras nos centros de saúde e na depuración das augas. 

Sobre esta última cuestión, Iglesias Rey sinalou que os concellos precisan apoio económico da Xunta para financiar as actuacións necesarias e criticou que os recursos recadados a través do canon da auga non repercuten realmente nos municipios. 

A deputada resumiu a súa valoración das contas afirmando que “a Costa da Morte e Bergantiños non están representados como tiñan que estalo nestes orzamentos de 2027”. Así mesmo, advertiu de que estas contas “seguen a debilitar ese estado de benestar tan importante para as socialistas de Galicia”, en referencia á sanidade, á educación e á atención das persoas maiores. 

Iglesias Rey reclamou, en definitiva, maior compromiso inversor da Xunta coas dúas comarcas para avanzar nas infraestruturas e nos equipamentos e servizos públicos necesarios para o territorio.


Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes