Os socialistas denuncian que os orzamentos da Xunta volven deixar Bergantiños á marxe das prioridades do Goberno galego
- O PSdeG-PSOE critica especialmente a ausencia de inversión para Coristanco e a falta de planificación estratéxica para impulsar a economía e os servizos públicos da comarca
Os socialistas denuncian que os orzamentos para 2027 anunciados pola Xunta de Galicia volven deixar Bergantiños á marxe dos investimentos estratéxicos do Goberno galego. O PSdeG-PSOE considera que as contas autonómicas recollen actuacións puntuais, pero carecen dunha planificación que permita impulsar o desenvolvemento económico, crear emprego de calidade, reforzar os servizos públicos e garantir oportunidades de futuro para a veciñanza da comarca.
Entre as partidas previstas destacan os 3 millóns de euros para a variante de Carballo e máis de 7 millóns para vivenda pública; arredor de 1,35 millóns para o abastecemento de auga en Cabana de Bergantiños; aproximadamente 1,14 millóns de euros para saneamento en Malpica; 1,3 millóns para a EDAR de Traba, en Laxe; e arredor de 750.000 euros para actuacións en Ponteceso.
Especialmente preocupante é a situación de Coristanco, que non conta con investimentos específicos identificados na documentación orzamentaria. Os socialistas consideran grave este dato e critican que siga sen existir un compromiso económico visible para desenvolver o polígono industrial, unha infraestrutura fundamental para atraer empresas e xerar emprego.
Dende o PSdeG-PSOE advirten tamén de que o problema non é só a falta de novos investimentos, senón a reiteración de partidas que se anuncian ano tras ano sen traducirse en obras rematadas. “Infraestruturas como a VAC da Costa da Morte aparecen reiteradamente nas previsións da Xunta, con novas anualidades e compromisos, mentres os prazos se alongan e a realidade das obras non sempre avanza ao ritmo anunciado”, sinalan.
Neste sentido, reclaman á Xunta transparencia sobre o grao de execución dos investimentos previstos nos últimos exercicios, detallando que proxectos foron licitados, adxudicados ou rematados e que cantidades quedaron sen executar.
Os socialistas consideran que Bergantiños precisa unha aposta decidida pola sanidade, a mobilidade, a industria e os servizos públicos, así como unha estratexia que permita aproveitar o potencial económico e pesqueiro da comarca. Por iso, esixen á Xunta un plan de investimentos para esta comarca con proxectos concretos, financiamento suficiente, prazos verificables e un seguimento público da súa execución.
“Bergantiños non precisa máis anuncios nin promesas que se repiten cada ano. Precisa obras rematadas, servizos reforzados e compromisos cumpridos”, conclúen dende o partido socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS