Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Os alcaldes socialistas de Ferrolterra reclaman máis medios e compromiso na loita contra o narcotráfico

  • Nunha xuntanza co delegado do Goberno, Pedro Blanco, reivindicaron a creación dunha UPR en Ferrol con 33 axentes, petición que o delegado trasladou xa ao goberno estatal 

Alcaldes e portavoces socialistas das comarcas de Ferrol, do Eume e de Ortegal reclámanlle ás diferentes administracións máis medios e compromiso na loita contra o narcotráfico. 

Fixérono nunha xuntanza xunto co delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras, na que se reivindicou tamén a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Ferrol, que conte con 33 axentes preparados para a loita contra o tráfico de drogas. 

Estiveron presentes na reunión, ademais do propio Blanco Lobeiras, o subdelegado Julio Abalde, o alcalde de Pontedeume e secretario xeral do PSdeG provincial Bernardo Fernández Piñeiro, o alcalde de As Pontes e presidente da Deputación provincial Valentín González Formoso. Tamén os alcaldes de Valdoviño, A Capela e Neda e os voceiros e voceiras socialistas de Ferrol, Narón, Mugardos, Fene e Cabanas. 

O voceiro socialista en Ferrol, Ángel Mato, comezou sinalando que a xuntanza xurde da preocupación dos presentes polo que consideran “o problema social máis importante que temos na comarca”, xa que numerosos puntos especialmente de Ferrol en Narón se converteron en “auténticos supermercados da droga” do Noroeste peninsular. 

“Sabemos perfectamente os estragos que produxo a droga nos anos 80 e 90, todos temos amigos ou familia que padeceron esta lacra, e para nós segue sendo un problema fundamental”, engade. “Requerimos máis presencia policial”, non só polo tráfico, senón tamén polo “branqueo de capitais que vai ligado á droga”, subliña Mato. 

“Hoxe, no 40 aniversario de ASFEDRO, tamén reclamamos da Xunta de Galicia máis medios” para que non sexan asociacións de loita contra a droga como esta as que se encarguen do seu traballo, indica o socialista. “Non chegarían 30 vidas para agradecerlles todo o traballo”, afirma. 

“Este chamamento non se pode quedar soamente nos Corpos de Seguridade do Estado, senón que o resto de administracións tamén teñen que asumir ese papel, dende xuíces, fiscais, e dende logo Servizos Sociais a nivel tanto autonómico como local”, salienta. 

Pola súa banda, o voceiro socialista en Narón, Jorge Ulla, reclamou que o Goberno de España “poña a disposición todos os medios humanos e materiales e destine urxentemente unha UPR para que interveña rapidamente”. 

Tamén lle pediu á Xunta e ao Concello de Narón “que se impliquen tanto con medios materiais como tamén co seu exemplo”, esixindo a posta en marcha de programas de sensibilización e prevención desta lacra. 

Finalmente interviu Blanco Lobeiras, que anunciou que xa está solicitada a impliementación da UPR e o compromiso do Goberno de España para que esta entre en funcionamento coa maior brevidade posible. 

O delegado do Goberno quixo comezar cunha mensaxe de tranquilidade, explicando que Galicia é a terceira comunidade máis segura de España. “Dito isto, dende logo non nos conformamos”, polo que seguirán sumando efectivos a Galicia, apuntou.  Tamén sinalou que “o drogadicto é unha vítima máis, polo tanto é imprescindible e absolutamente necesario que os servizos sociais actúen” xa que é necesario “actuar en todas esas frontes”. “O Partido Socialista sempre estivo en contra do tráfico de drogas pero sempre estivo ao lado das persoas enfermas”, salientou.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes