O PSOE-PSdeG denuncia que Rueda mantén o Ortegal en “abandono” tras dous anos de goberno
- Os socialistas esixen un calendario real para a vía de alta capacidade da costa norte como infraestrutura clave para a comarca
O PSdeG-PSOE provincial da Coruña mantivo unha reunión de traballo con alcaldes, voceiros e secretarios xerais do Ortegal para facer balance dos dous anos de goberno de Alfonso Rueda, concluíndo que a comarca se atopa nunha situación de “abandono” por parte da Xunta.
Entre as principais conclusións desta análise, os socialistas esixen á Xunta de Galicia a posta en marcha inmediata da vía de alta capacidade da Costa Norte, cun calendario de execución concreto, público e verificable, que garanta o avance real desta infraestrutura estratéxica para a comarca do Ortegal.
No encontro, no que participou o deputado no Parlamento galego Aitor Bouza, abordáronse cuestións clave como a situación dos servizos públicos e o estado das infraestruturas de comunicación na comarca.
Bouza sinalou que “o balance non pode ser outro que dicir que Rueda ten o Ortegal en absoluto abandono”, facendo fincapé na falta de profesionais sanitarios que garantan unha atención adecuada á poboación. Neste sentido, denunciou a carencia de médicos de atención primaria e servizos de pediatría, o que obriga ás familias a desprazarse por toda a bisbarra para recibir asistencia.
Do mesmo xeito, incidiu na paralización da vía de alta capacidade da Costa Norte, cualificándoa como unha cuestión “transcendental” para garantir a conectividade e mobilidade da veciñanza, así como o acceso a servizos públicos. Neste sentido, lembrou que os últimos avances nesta infraestrutura se produciron durante o goberno de Emilio Pérez Touriño, sen que desde entón se rexistraran progresos significativos.
“O Ortegal precisa dunha conexión digna co resto do territorio. A falta de execución desta vía limita o desenvolvemento da comarca e dificulta a vida diaria da veciñanza”, apuntou.
Desde o PSdeG anunciaron que trasladarán estas reivindicacións ao Parlamento de Galicia a través dunha batería de iniciativas co obxectivo de instar á Xunta a actuar de maneira inmediata. Entre as súas demandas, destacan a necesidade de establecer un calendario “concreto, público e verificable” para a execución da vía, así como garantir unha dotación orzamentaria real e efectiva.
“Non abonda con que as partidas aparezan nos orzamentos se logo non se executan. É imprescindible que o compromiso coa comarca sexa real e se traduza en feitos”, subliñou Bouza.
Os socialistas da provincia reafirmaron o seu compromiso de traballo conxunto coa comarca para defender os seus intereses e esixir ao Goberno galego medidas que garantan a igualdade de oportunidades e o acceso aos servizos públicos en todo o territorio.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS