Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE da provincia da Coruña felicita ás forzas de seguridade e á Xustiza pola operación contra o narcotráfico en Narón e reclama «man dura» contra o branqueo de capitais

  • Os socialistas destacan o traballo da Garda Civil, Vixilancia Aduaneira e a Xustiza nunha operación que se saldou con oito persoas en prisión provisional por presuntos delitos relacionados co narcotráfico
  • Hai un ano alcaldes e portavoces socialistas de Ferrolterra, Eume e Ortegal reclamaron ao delegado do Goberno máis medios contra o narcotráfico e unha maior persecución do diñeiro procedente do tráfico de drogas

O PSdeG-PSOE da provincia da Coruña expresa a súa felicitación e recoñecemento á Garda Civil, ao Servizo de Vixilancia Aduaneira, á Xustiza e ao conxunto das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado pola importante operación desenvolvida contra o narcotráfico en Narón e outros puntos da provincia, que se saldou coa detención de oito persoas, para as que a autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión provisional.

Os socialistas destacan a importancia desta operación, que supón un importante avance na loita contra as organizacións dedicadas ao tráfico de drogas na comarca.

“Queremos trasladar o noso recoñecemento aos profesionais que traballan cada día para combater o narcotráfico e garantir a seguridade da cidadanía. Operacións como esta demostran a importancia de contar con medios, coordinación e unha actuación policial e xudicial firme e continuada contra estas organizacións criminais”, sinalan desde a dirección provincial socialista.

O PSOE lembra que en outubro do pasado ano alcaldes e portavoces socialistas de Ferrolterra, Eume e Ortegal mantiveron unha reunión no Parador de Ferrol co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, na que tamén participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o secretario xeral provincial do PSOE, Bernardo Fernández.

Naquel encontro, os representantes socialistas trasladaron a súa preocupación pola presenza do narcotráfico na comarca e reclamaron medidas concretas para combatelo, entre elas o incremento dos efectivos policiais, a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Policía Nacional en Ferrol-Narón, unha maior vixilancia dos puntos de venda de drogas e o reforzo da cooperación entre administracións.

«Man dura tamén cos que branquean o diñeiro da droga»

Unha das principais reivindicacións formuladas naquela reunión foi a necesidade de intensificar a persecución do branqueo de capitais vinculado ao narcotráfico, unha cuestión na que o PSOE considera imprescindible seguir avanzando.

«Hai que actuar con toda a contundencia da lei contra os que venden droga nas nosas rúas, pero tamén contra os que se enriquecen con este negocio. Pedimos man dura tamén cos que branquean o diñeiro da droga e cos que se lucran a costa da saúde e do sufrimento de tantas familias», subliñan os socialistas. Neste sentido, o PSOE provincial insiste en que a loita contra o narcotráfico debe prestar especial atención ás estruturas económicas que sosteñen estas organizacións.

Os socialistas reiteran o seu firme compromiso de seguir reclamando a todas as administracións os recursos necesarios para combater o narcotráfico na comarca.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes