O PSOE de Mugardos denuncia “as mentiras do PP respecto da casa de Bello Piñeiro”
O PSdeG-PSOE de Mugardos denuncia “as mentiras do PP respecto da casa de Bello Piñeiro”, destacado pintor mugardés de comezos do século XX.
Así o expresou o voceiro socialista local, José Ángel Martínez Bardanca, que sinalou que “este caso é un claro exemplo de como o goberno municipal do Partido Popular engana constantemente á veciñanza”.
“Hai un ano, en outubro, nós presentamos unha iniciativa para que se negociase co arzobispado a cesión da casa, ao que o PP contestou que ían poñerse en contacto coa Xunta de Galicia para tramitar unha negociación conxunta coa Xunta e co Arzobispado”, explica.
Porén, o socialista critica que “un ano despois, a iniciativa neste caso do BNG, tratouse este mesmo tema nunha comisión do Parlamento de Galicia, e o PP voutou asombrosamente en contra do que dicían que estaban facendo no Concello”.
“Levan un ano sen facer absolutamente nada nesta cuestión, e aínda por riba votan en contra cando esta chega ao Parlamento galego”, lamentou Martínez Bardanca. “Nin falaron co arzobispado, nin falaron coa Xunta nin fixeron absolutamente nada dende que nós presentamos esa moción”, engadiu.
O socialista afirmou que isto é produto “do inmobilismo do PP en Mugardos, que non fai absolutamente nada pola veciñanza máis alá de mentirnos e contarnos cousas que non están a suceder”. “Deste xeito, pasarán os anos e a casa ficará totalmente abandonada, tal e como está agora”, sinalou.
“Nós témolo claro, o primeiro paso para poder levar adiante calquera actuación sobre a casa é falar cos propietarios”, destacou o voceiro. “Neste caso, o propietario é o arzobispado, polo que é imprescindible falar con eles para ver que pretenden con esta casa e facerlles saber cales son as pretensións do Concello”, indicou.
“Isto levámolo ao pleno en preguntas, en mocións, e a resposta sempre foi a mesma, que estaban en negociacións coa Xunta, pero agora sabemos que esta foi outra das súas mentiras”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS