- Os socialistas advirten do “risco de deterioro irreversible” e levarán ao pleno unha moción para que o Goberno municipal licite de novo as obras “cun proxecto realista” antes de sacar a concurso a xestión do establecemento
- Martín Rego acusa o PP de actuar “a base de parches e improvisación” tras manter 19 meses pechado o principal emblema turístico e patrimonial do concello
O PSOE de Mañón levará ao vindeiro pleno municipal unha moción para reclamar ao Goberno local do PP que licite as obras de reforma do Semáforo de Bares “cun proxecto realista e cunha dotación económica suficiente”, despois de que quedase deserta a licitación impulsada polo Concello por un importe de só 50.000 euros.
O portavoz socialista, Martín Rego, cualifica esa cantidade de “ridícula” para actuar nun conxunto destas características, de titularidade municipal, situado nun enclave único e que leva xa 19 meses pechado.
“Non se pode pretender recuperar o Semáforo de Bares cunha inversión de 50.000 euros. É unha cantidade claramente insuficiente para acometer unha actuación seria nun edificio singular, exposto a condicións moi duras e con problemas evidentes de conservación”, afirma Rego, que destaca que as obras “son as mesmas que viña reclamando a anterior concesionaria”.
Os socialistas consideran que o fracaso da licitación demostra que o Goberno municipal non calculou ben nin o alcance real das obras nin o investimento necesario para poñer de novo en marcha o establecemento con garantías.
“Se ningunha empresa se presentou, o Concello debería preguntarse por qué. O que fallou é evidente: un proxecto insuficiente e unha partida económica que non responde ás necesidades reais do Semáforo”, sinala o portavoz socialista.
“Cada mes pechado aumenta o risco de deterioro irreversible”
O PSOE advirte de que o problema vai máis alá da falta de actividade turística. Para os socialistas, o peche prolongado do inmoble está a agravar o seu deterioro e pode converter unha reforma necesaria nun problema moito máis grave e custoso.
“Levamos 19 meses co Semáforo de Bares pechado. Cada mes que pasa aumenta o risco de deterioro irreversible”, afirma Rego, que lembra que o edificio presenta problemas de humidades, filtracións, deterioro exterior e necesidade de renovación interior, polo que considera imprescindible actuar con urxencia, pero tamén con rigor.
“O Semáforo está nun lugar privilexiado pero moi esixente desde o punto de vista da conservación. Non abonda con parches. Fai falta unha reforma seria, cun proxecto técnico que diga canto custa realmente recuperar o conxunto”, afirma.
“Primeiro intentaron resolver o problema cunha licitación ridícula de 50.000 euros. Agora, como esa licitación fracasou, pretenden trasladarlle ao futuro concesionario a responsabilidade de facer as obras. Iso non é unha solución, é volver improvisar”, advirte o portavoz socialista.
“Dicir que a licitación quedou deserta polo problema das ventás de madeira soa a escusa de mal pagaddor. O problema real é que o Concello sacou unha obra mal dimensionada e cun orzamento insuficiente”, sostén Rego.
Reformar primeiro, licitar a xestión despois
A moción do PSOE defenderá que o Concello, como propietario do inmoble, debe licitar primeiro as obras cun proxecto realista e cun financiamento suficiente. Unha vez rehabilitado o conxunto, debería sacarse a concurso a xestión do establecemento.
“O lóxico é reformar primeiro e licitar a xestión despois. Se o Concello ofrece un establecemento rehabilitado, seguro e en condicións, haberá máis posibilidades de atraer un bo concesionario. Se se obriga ao futuro xestor a asumir unha reforma custosa e pouco definida, limitarase a concorrencia e seguiremos perdedo o tempo”, explica Martín Rego.
Os socialistas consideran que mesturar nun mesmo proceso a concesión da explotación e a obriga de asumir a reforma pode deixar fóra a persoas ou empresas que estarían interesadas en xestionar o Semáforo, pero non en afrontar unha obra deste alcance. “Unha cousa é saber xestionar ben un hotel ou un restaurante e outra moi distinta é ter capacidade para asumir unha reforma dun inmoble singular. Se o Concello quere que o Semáforo volva funcionar, debe facilitar a súa reapertura, non poñer máis obstáculos”, sinala o portavoz socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS