Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O pleno de Mañón aproba a moción do PSdeG para reclamarlle á Xunta o dragado do río Sor na contorna da Ponte

  • O texto foi aprobado co voto a favor tanto do grupo municipal socialista como do Partido Popular

O pleno de Mañón insta á Xunta de Galicia, por iniciativa do PSdeG local, a executar, con carácter urxente, as actuacións de dragado no río Sor na contorna da Ponte, co obxectivo de mellorar a capacidade hidráulica e previr riscos asociados á acumulación de sedimentos.

O grupo municipal socialista presentou unha moción, aprobada por unanimidade, para que a Xunta elabore e presente un plan integral de mantemento e conservación do río Sor que inclúa actuacións periódicas de limpeza, dragado e control do estado do leito fluvial, incorporando unha partida para tal fin nos seus orzamentos.

O voceiro socialista local Martín Rego celebra a aprobación da moción, agardando que sexa “un paso decisivo de cara a que se executen estas actuacións tan necesarias no noso municipio”.

O texto aprobado sinala que “a conservación e mantemento dos ríos galegos constitúe unha cuestión fundamental tanto desde o punto de vista ambiental como da seguridade das persoas e das actividades económicas vinculadas ao territorio”.

“No caso concreto do río Sor, ao seu paso pola Ponte situada no seu tramo final, existe unha demanda histórica para a execución de traballos de dragado ao longo de aproximadamente un quilómetro de río, co obxectivo de mellorar a súa capacidade hidráulica e garantir un correcto funcionamento do ecosistema fluvial”, apunta o texto.

A continuación engade que “a inacción da Xunta de Galicia ante un compromiso anunciado e reiterado evidencia unha falta de planificación e de execución en materia de xestión fluvial, que afecta directamente aos concellos da zona e á veciñanza, xerando incerteza e perpetuando unha situación que require dunha actuación inmediata”.

“Cómpre, por tanto, que o Goberno galego asuma as súas responsabilidades e execute as actuacións comprometidas, garantindo tanto a seguridade como a protección ambiental do río Sor”, conclúe a moción.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes