O PSOE de Fene reclama á Xunta investimentos prioritarios para o municipio e denuncia a desigualdade nas partidas dos Orzamentos de 2027
- A voceira socialista María Ares anuncia que levarán ao pleno deste xoves unha moción para reclamar melloras nos servizos públicos e nas infraestruturas, mentres o deputado Aitor Bouza anuncia emendas no Parlamento para corrixir a falta de investimentos da Xunta no municipio
O Grupo Municipal Socialista de Fene reclama á Xunta de Galicia que incorpore nos Orzamentos de 2027 investimentos que permitan atender as principais necesidades do municipio. Para iso, os socialistas presentarán unha moción no pleno municipal deste xoves, 5 de novembro, ás 18:00 horas, coa que buscan o apoio da Corporación para esixir ao Goberno galego unha maior implicación na mellora dos servizos públicos, das infraestruturas e da calidade de vida da veciñanza.
A voceira socialista, María Ares, explica que as demandas inclúen actuacións prioritarias como a creación dunha residencia de maiores e un centro de día públicos, a humanización da avenida Conces, a reparación integral do IES de Fene, a ampliación da rede pública de abastecemento de auga a Magalofes e ás zonas altas de Barallobre e Sillobre, así como a promoción de vivenda pública.
As propostas tamén contemplan a construción dun auditorio, a mellora da accesibilidade da antiga Escola Unitaria de Limodre e a creación dun plan de axudas para rehabilitar os locais das sociedades e entidades sociais das parroquias.
“Falamos de actuacións moi concretas. Son demandas xustificadas que xa trasladamos ao Parlamento galego a través das emendas do Grupo Parlamentario Socialista e queremos que tamén conten co apoio da Corporación municipal”, sinala María Ares.
A voceira considera especialmente preocupante a distribución dos investimentos territorializados que recollen os Orzamentos autonómicos de 2027. Segundo explica, as únicas partidas identificadas para Fene corresponden a dúas actuacións de Portos de Galicia, cun importe conxunto de aproximadamente 315.000 euros.
Esta cantidade representa arredor de 25 euros por habitante, unha cifra que, segundo os datos manexados polos socialistas, contrasta cos 972 euros de Ferrol, os 890 de Cariño ou os 188 de Ortigueira.
“Hai un dato que evidencia a falta de investimento da Xunta en Fene. Nos orzamentos de 2027, as únicas partidas que aparecen para o noso concello son dúas actuacións de Portos de Galicia por importe de 315.000 euros. Isto supón arredor de 25 euros por habitante, moi lonxe do investimento previsto noutros municipios da contorna”, denuncia Ares.
A portavoz insiste en que a reivindicación socialista non pretende cuestionar os fondos destinados a outros concellos, senón reclamar un tratamento equitativo para Fene.
“Non cuestionamos os investimentos que reciben outros concellos. O que reclamamos é que a Xunta teña en conta a Fene, porque os nosos veciños e veciñas non son menos que os de ningún outro concello e merecen a mesma atención, os mesmos servizos e as mesmas oportunidades”, subliña.
Pola súa banda, o deputado Aitor Bouza anuncia que o Grupo Parlamentario Socialista trasladará ao Parlamento de Galicia as demandas recollidas polos socialistas de Fene, a través de emendas aos Orzamentos autonómicos de 2027 destinadas a reforzar os investimentos e os servizos públicos no municipio.
“Escoitando aos nosos compañeiros e compañeiras de Fene, levaremos ao Parlamento todas estas reivindicacións a través de emendas aos orzamentos, en defensa dos intereses da veciñanza, dos seus dereitos e dunha maior aposta polos servizos públicos”, afirma Bouza.
O parlamentario socialista critica a distribución dos investimentos previstos pola Xunta e considera que as contas autonómicas non responden adecuadamente ás necesidades de Fene. “Rueda castiga de maneira directa ao Concello de Fene e a todos os seus veciños e veciñas. O noso obxectivo é conseguir que estes orzamentos melloren e que deixen de castigar non só a comarca, senón especialmente un concello que ten tantas necesidades”, denuncia.
Bouza destaca que as emendas presentadas polo PSdeG recollerán o traballo desenvolvido polo Grupo Municipal Socialista e incidirán na necesidade de reforzar os servizos públicos e garantir investimentos en ámbitos fundamentais para a cidadanía. “Fene ten necesidades importantes en materia de sanidade, educación e política social. As nosas emendas van precisamente nesa dirección, na defensa dos dereitos da veciñanza e do Estado do benestar”, subliña o deputado.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista solicitará no pleno deste xoves o apoio do resto das formacións políticas para trasladar estas demandas á Xunta e reclamar a súa incorporación aos Orzamentos autonómicos de 2027.
“Non pedimos privilexios. Pedimos que a Xunta mire tamén para Fene e dea resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas”, conclúe María Ares.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS