O PSdeG-PSOE denuncia que a Xunta só destina 10.000 euros á conservación das naves de Portos de Galicia en Cariño
- Os socialistas alertan do risco de derrubamento da nave da Ártica e anuncian que presentarán emendas aos orzamentos de 2027 para reclamar a súa rehabilitación
O PSdeG-PSOE denuncia a falta de compromiso da Xunta de Galicia coa conservación das naves de Portos de Galicia en Cariño, para as que os orzamentos anunciados para o 2027 contemplan únicamente unha partida de 10.000 euros. Os socialistas consideran esta cantidade “absolutamente insuficiente” ante o avanzado estado de deterioración das instalacións, especialmente da nave da Ártica, cuxa cuberta xa cedeu e que corre o risco de sufrir novos danos coa chegada das chuvias do outono e do inverno.
Os socialistas advirten de que a nave precisa dunha intervención urxente para evitar o seu derrubamento “e a conseguinte perda dun elemento de gran valor para o patrimonio industrial e a memoria colectiva da vila”, segundo declara o portavoz socialista Jonathan Miranda. Neste sentido, lembran que a Asociación Historia das Conserveiras do Porto de Cariño propuxo a recuperación do inmoble para acoller o Museo da Conserva, un proxecto que permitiría preservar a historia conserveira da vila e crear un novo espazo de interese cultural.

O PSdeG-PSOE critica que, malia a reunión mantida o pasado mes de setembro entre o goberno municipal e a presidenta de Portos de Galicia para abordar a situación das naves, esta preocupación non se traduza nun investimento suficiente nos orzamentos autonómicos.
“Unha vez coñecidos os orzamentos, vemos como a Xunta de Rueda volve deixar tirada á veciñanza de Cariño. A pesar dos anuncios de que a situación estaba solucionada ou en vías de solución, cando chega o momento de poñer os cartos enriba da mesa, a Xunta non contempla unha cantidade suficiente para acometer a rehabilitación”, denuncia o parlamentario Aitor Bouza.
Desde o partido insisten en que non se pode permitir que a falta de actuación provoque a desaparición dun inmoble con tantas posibilidades de recuperación e posta en valor. Por iso, reclaman á Xunta e a Portos de Galicia unha intervención inmediata para asegurar a estrutura da nave da Ártica, así como un plan de reparación e conservación para o conxunto das instalacións.
O PSdeG-PSOE anuncia así que levará esta reivindicación ao Parlamento de Galicia mediante a presentación de emendas a estes orzamentos, co obxectivo de conseguir unha dotación económica que permita executar as obras necesarias.
“Imos levar esta demanda ao Parlamento e esixirlle ao señor Rueda que se comprometa coa veciñanza de Cariño. Non podemos permitir que a falta de investimento acabe provocando o derrubamento dunha parte fundamental do patrimonio da vila», conclúen os socialistas.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS