Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre reclama al Concello un expediente sancionador contra a empresa do SAF e responsabilidades políticas no goberno local

O portavoz socialista, Diego Alcantarilla, reclama a apertura inmediata dun expediente sancionador contra a empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) tras coñecerse publicamente que a propia concesionaria recoñece non dispoñer de persoal suficiente para atender o servizo durante as fins de semana.

Para Alcantarilla, “estamos ante un feito gravísimo que confirma o que moitas familias e traballadoras levan meses denunciando: o SAF de Cambre está funcionando de maneira deficiente e o goberno local sabíao”.

O portavoz socialista considera “inadmisible” que un servizo esencial dirixido a persoas maiores e dependentes chegase a unha situación “de absoluto colapso organizativo”, afectando directamente a usuarios vulnerables e ás súas familias.

“Cando unha empresa recoñece publicamente que non pode cubrir o servizo, o Concello non pode mirar cara outro lado. Ten a obriga de actuar, fiscalizar o contrato e defender o interese público”, afirmou.

Dende o PSOE lembran ademais que levan meses advertindo ao goberno local dos graves problemas estruturais existentes nos Servizos Sociais municipais, especialmente pola falta de persoal e pola non cobertura das baixas e vacantes.

“Levamos moito tempo avisando de que os Servizos Sociais estaban saturados e sen medios suficientes para realizar un control correcto dun servizo tan sensible como o SAF. O goberno foi deixando deteriorar a situación ata chegar ao punto actual”, sinalou Alcantarilla.

O portavoz socialista tamén criticou que o executivo local pretenda “escudarse nos técnicos municipais” para xustificar a falta de control sobre a empresa concesionaria.

“Os técnicos non daban para máis porque estaban completamente saturados pola falta de persoal e pola mala planificación do goberno. Non se pode culpabilizar aos traballadores municipais cando a responsabilidade de dotar os servizos de medios e persoal corresponde ao goberno local”, subliñou.

Dende o PSOE sinalan ademais que tanto a concelleira responsable da área como a alcaldesa eran plenamente coñecedoras da falta de persoal e dos problemas reiterados que se viñan producindo no servizo.

“O máis preocupante é que non falamos dun problema repentino. Había avisos, había queixas e había sinais evidentes de deterioro. A pregunta é por que non actuaron antes”, engadiu.

O portavoz socialista anuncia que o seu grupo esixirá acceso completo  a todos os informes técnicos relacionados con incidencias, cobertura de persoal e cumprimento contractual da empresa adxudicataria.

Así mesmo, reclama que se depuren responsabilidades políticas “por unha xestión que deixou desprotexidas a moitas familias de Cambre”.

“O SAF non é un servizo calquera. Falamos de persoas dependentes, de maiores que precisan atención diaria e de familias que non poden vivir na incerteza permanente. A prioridade debe ser garantir unha atención digna e estable”, concluíu. O PSOE de Cambre solicita ademais a posta en marcha urxente dun plan de continxencia que permita  garantir cobertura durante toda a semana e evitar que volvan repetirse situacións similares.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes