O PSdeG chama en Cambre á mobilización masiva e ao voto útil para defender os avances sociais e evitar un retroceso de corenta anos
- Julián Reina, número dous da candidatura socialista ao Congreso pola provincia da Coruña, reivindica o voto ao PSOE para protexer as pensións, os dereitos laborais e as oportunidades das familias
O candidato do PSdeG-PSOE ao Congreso pola provincia da Coruña, Julián Reina, agradeceu hoxe en Cambre a acollida da veciñanza durante a visita á feira, na que os socialistas aproveitaron para trasladar as súas propostas de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro e animar á participación. No percorrido participaron tamén Marymer Prieto, candidata socialista; Jesús Fernández Diez e Andrés Hermida, candidatos ao Congreso; Diego Alcantarilla Rei, voceiro do Grupo Municipal Socialista de Cambre, e militantes da agrupación local.
Reina, número dous da candidatura socialista ao Congreso, destacou a importancia dunha mobilización electoral ampla para garantir a continuidade dos avances conquistados nos últimos anos: “O que realmente cremos que é determinante é unha mobilización masiva, unha participación que permita que este país non retroceda corenta anos”.

O candidato puxo o foco no impacto das políticas socialistas na vida cotiá da cidadanía e lembrou que votar tamén significa defender as pensións, os dereitos da infancia e as melloras nas condicións laborais de milleiros de persoas. Neste sentido, reivindicou os efectos da reforma laboral e das subidas do salario mínimo interprofesional, que beneficiaron traballadores e traballadoras e numerosas familias.
“Cando imos votar, votamos polas pensións, polos nenos e polas nenas, polos traballadores e traballadoras que se viron beneficiados pola reforma laboral e por todas esas familias que tamén se beneficiaron ao longo deste tempo do salario mínimo interprofesional”, explicou.
Julián Reina animou tamén á veciñanza a sumarse ao mitin que o PSOE celebrará o vindeiro mércores en Santiago de Compostela, ás 18:30 horas, e insistiu en que a mobilización da cidadanía será clave para lograr unha remontada electoral. “Estamos a tempo dunha remontada épica, pero só co apoio da xente o imos conseguir”, concluíu.







Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS