O PSOE da Laracha denuncia que o Concello “xoga coa seguridade da veciñanza” ao programar eventos multitudinarios sen Policía Local
O PSdeG-PSOE da Laracha denuncia que o Goberno municipal do PP “xoga coa seguridade da veciñanza” ao programar eventos multitudinarios mentres o Concello continúa sen Policía Local.
A voceira socialista local Inés Ramos López sinala que o alcalde está a tomar deste xeito “decisións irresponsables que poñen en risco á cidadanía”, en referencia a eventos como o desfile de Entroido.
“A Laracha está abandonada á súa sorte pola incompetencia do seu goberno municipal, sen Policía Local, sen planificación e sen capacidade para garantir a seguridade”, lamenta a socialista.
Para Ramos López, esta “non é unha cuestión de falta de recursos, senón de falta de vontade política e de mala xestión”. “Ignora o que debería ser a prioridade, a seguridade da veciñanza”, engade.
“Cando ocorra un accidente ou incidente grave, quen asumirá a responsabilidade?”, pregúntase a voceira. “Porque se algo está claro é que o Concello está incumprindo a súa obriga de protexer á cidadanía”, indica.
Ademais o PSdeG da Laracha critica tamén o papel do concelleiro Pablo Cambón: “Primeiro anunciaron que non cobraría dedicación exclusiva, despois que si, e agora resulta que tamén dirixe o tráfico”.
A voceira socialista pregúntase se Cambón “está cualificado para facelo, ten formación ou autorización, ou simplemente estamos ante outra chapuza do goberno municipal”.
“A realidade é innegable, o goberno municipal da Laracha nin está nin se lle espera cando se trata de garantir a seguridade da súa veciñanza, e mentres tanto, os veciños vense obrigados a vivir nun municipio onde impera a improvisación e a desidia”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS