Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama reforzos urxentes de persoal para a Oficina Rural de Ortigueira ante a falta de medios e vacantes sen cubrir

  • Os socialistas denuncian a carencia preocupante de persoal e recursos para antender un ámbito territorial amplo e con necesidades crecente

O PSdeG presenta no Parlamento unha proposición non de lei para debate en Pleno co obxectivo de esixir á Xunta medidas inmediatas que garantan o correcto funcionamento da Oficina Rural Comarcal de Ortigueira, un servizo esencial para o sector primario da comarca e para a atención directa á veciñanza do rural.

Os socialistas denuncian que a actual situación desta oficina evidencia unha preocupante carencia de persoal e recursos, cun cadro insuficiente para atender un ámbito territorial amplo e cun volume de necesidades crecente. Esta falta de medios está a provocar dificultades reais para prestar un servizo axeitado, chegando incluso a impedir tarefas básicas como o rexistro de documentación ou a tramitación ordinaria de expedientes.

Desde a formación provincial lembran que as Oficinas Rurais Comarcais son unha peza clave para facilitar trámites, ofrecer asesoramento técnico ás explotacións agrarias e gandeiras e contribuír ao desenvolvemento económico e social do territorio. “Non se pode falar de apoio ao rural mentres se deixan sen medios os servizos públicos que sosteñen o día a día de milleiros de profesionais do sector primario”, sinalan.

A iniciativa socialista tamén advirte de que a existencia de prazas baleiras sen cobertura estable e a falta de incentivos para o persoal destinado a estas zonas está a agravar a desigualdade territorial e a dificultar a continuidade do servizo público.

Por iso, o PSdeG insta á Xunta de Galicia a reforzar de maneira inmediata o persoal da Oficina Rural de Ortigueira e a cubrir con carácter estrutural todas as vacantes existentes, garantindo unha dotación suficiente e estable que permita ofrecer unha atención digna e eficiente á cidadanía e ao sector primario da comarca.

Os socialistas subliñan que comarcas como Ortegal precisan máis compromiso institucional e menos abandono por parte do Goberno galego, apostando por servizos públicos fortes que fixen poboación e impulsen oportunidades no rural.


Aitor Bouza – Oficina Rural Ortigueira – abr26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes