Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama na Estación de Autobuses de Ferrol unha “rehabilitación integral” tras anos de incumprimentos da Xunta

  • O deputado socialista Aitor Bouza denuncia que a infraestrutura leva oito anos con investimentos “pintados nos orzamentos, pero nunca executados” e esixe ao Goberno galego que apoie a emenda do PSdeG para 2026

O deputado socialista no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, acompañado por representantes socialistas da comarca, reclamou hoxe na estación de autobuses de Ferrol unha “rehabilitación integral” da infraestrutura, nun encontro cos medios no que criticou a falta de actuacións reais por parte da Xunta e a inacción do Goberno municipal.

Bouza subliñou que as incidencias na estación “son algo recorrente” e lembrou que no último mes “a propia estación estaba pechada para os usuarios e usuarias”. Segundo explicou, por este motivo representantes socialistas da comarca desprazáronse hoxe ao lugar para denunciar unha situación que “non só afecta a Ferrol, senón tamén á súa comarca, a Eume e a Ortegal tamén”.

O deputado insistiu na importancia desta infraestrutura, ao ser “a interconexión que permite conectar Ferrol con Galicia e co resto de España no ámbito do transporte por estrada”. Nese contexto, criticou que “o Partido Popular se lle enche a boca para reclamar a outras administracións o que logo non fai cando goberna”.

Bouza afirmou que nin o Goberno municipal de Ferrol nin a Xunta están exercendo as responsabilidades que lles corresponden, incidindo en que “non vemos nin ao Goberno municipal nin á Xunta poñendo solucións, malia ter competencias e recursos”.

O parlamentario lembrou que a Xunta leva incluíndo actuacións nesta estación nos orzamentos “polo menos desde hai oito anos, pero nunca se executan”. Engadiu que nos propios orzamentos fálase dunha “Estación Intermodal”, algo que cualificou de incongruente ao afirmar que “nin é intermodal nin se están facendo reformas”.

Durante a súa intervención, cualificou o estado actual da estación como “un escenario que podería ser perfectamente The Walking Dead” e considerou “absolutamente lamentable” o seu abandono.

Do mesmo xeito argumentou que “cartos na Xunta hai, a pregunta é por que se deixa abandonada a toda esta comarca” e sostivo que o PSdeG presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para 2026 que inclúe esa rehabilitación integral, e reclamou ao “Goberno de Rueda” que a apoie e “rectifiquen o seu erro”. Segundo indicou, de nada serve “poñer uns cartos pintados no propio orzamento que logo nunca chegan a termo”. 

O deputado tamén apuntou ás deficiencias visibles no día a día da infraestrutura e destacou que “ao mellor o que lle fai falta ao señor Rueda é acceder á estación para ver como está. No despacho de San Caetano vívese moi ben, pero se baixa ao territorio verá as condicións nas que está esta comarca”.

Para rematar, Bouza esixiu “unha estación en condicións mínimas e dignas” e pediu que todas as forzas políticas adopten a mesma esixencia coa que reclaman a outras administracións. O deputado concluíu explicando que dende o PSdeG esperan que “o alcalde desta cidade, non mire para outro lado e que o señor Rueda escoite o clamor social de isto ten que ser unha evidencia no ano 2026”.

Aitor Bouza – Estación de Autobuses de Ferrol – nov25
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes