O PSdeG provincial reclama que a Xunta poña en marcha unha unidade de rehabilitación cardíaca en Ferrol
O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña reclama que a Xunta poña en marcha unha Unidade de Rehabilitación Cardíaca na Área Sanitaria de Ferrol, a única en Galicia que non conta cunha unidade destas características.
A coordinadora comarcal do PSdeG en Ferrolterra, Natividad González Laso, lanzou esta reclamación dende o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol xunto ao deputado socialista no Parlamento galego Julio Abalde e o presidente da Asociación de Amigos del Corazón AMICOR, Carlos Piñeiro.
“O CHUF é o centro de referencia da Área Sanitaria de Ferrol, unha área que entendemos que está moi abandonada pola Xunta de Galicia”, comezou sinalando Natividad González Laso.
“Hoxe vimos demandarlle á Consellería de Sanidade e ao Sergas que poñan en marcha nesta área sanitaria unha Unidade de Rehabilitación Cardíaca, unha demanda que as persoas que sofren enfermidades cardíacas e asociacións como AMICOR levan facendo dende hai máis de 20 anos”, apuntou a socialista.
González Laso lembrou que, das 7 áreas sanitarias galegas, “a área de Coruña só conta con unidade de rehabilitación infantil, e a de Ferrol é a única sen unidade de ningún tipo”.
“A Área Sanitaria de Ferrol, con máis de 3.000 pacentes con cardiopatías e cun índice de máis de 500 infartos de miocardio, require urxentemente a instalación desta unidade”, recalcou.
“As persoas que teñen que facer uso desta rehabilitación teñen que desprazarse a Lugo ou a Santiago coas consecuencias que isto ten para pacientes e familias, é unha desigualdade completamente inxusta”, concluíu González Laso.
Pola súa banda, Julio Abalde indicou que “hai 15 días presentouse na Comisión de Sanidade do Parlamento galego a proposición non de lei do Partido Socialista de que se creara na área de Ferrol está unidade de rehabilitación cardíaca”.
Dende a Xunta “recoñecen a necesidade desa unidade, porén, botan balóns fóra, e non pode ser que as á saúde das persoas da área de Ferrol estea pendente de que o Sergas atope espazo para ela”, lamenta.
“Os presupostos si que o permiten, a falta de vontade política é o que non o permite, e polo tanto, o que pedimos aquí é que o Sergas tome xa a decisión de poñer en marcha esta unidade cardíaca”, engadiu o deputado. Abalde anunciou que o PSOE presentará mocións neste sentido nos diferentes concellos da bisbarra para instar á Xunta a que dea resposta a esta demanda.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS