O PSdeG leva ao Parlamento as reivindicacións da ANPA do CEIP Campomaior de Ordes
- O deputado Aitor Bouza e a voceira socialista local Noelia Rivadas reuníronse con representantes da ANPA para coñecer de preto as súas demandas
O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento de Galicia as reivindicacións da ANPA do CEIP Campomaior de Ordes despois dunha reunión que representantes das familias do centro mantiveron co deputado Aitor Bouza e a voceira local Noelia Rivadas.
“Dende o Grupo Municipal Socialista de Ordes volvemos reunirnos coa ANPA do CEIP Campomaior para escoitar unha reclamación que leva meses enriba da mesa e que segue sen resposta por parte da Xunta de Galicia”, explica Rivadas.
“Falamos dun centro cunha elevada diversidade e cun número importante de nenos e nenas que precisan apoio específico incluso para as actividades da vida diaria”, indica a socialista.
“Por iso, a comunidade educativa leva todo o curso reclamando máis recursos humanos, e en concreto, un auxiliar educativo e máis profesorado de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe”, engade.
A concelleira sinala que en outubro levaron esta demanda ó pleno municipal “mediante unha moción, advertindo da situación e reclamando solucións inmediatas”. “Hoxe, cando estamos a piques de pechar o curso, a realidade é que nada cambiou”, lamenta.
“A ANPA está cansa de mobilizarse, de concentrarse e de ter que loitar por uns dereitos que deberían estar garantidos, e o máis grave é que o alcalde de Ordes non foi quen sequera de reunirse co conselleiro de Educación para defender os intereses do alumnado e das súas familias”, critica a edil.
“Estamos, por tanto, ante unha absoluta falta de compromiso e o silencio e a pasividade do alcalde convérteno en cómplice da situación”, conclúe Rivadas.
Pola súa banda, Aitor Bouza censurou “o inmobilismo por parte da Xunta de Galicia” para atender as reclamacións da ANPA. Sinala que as nais “están fartas, fartas de que non se lles escoite por parte da consellería de educación e do señor Rueda para que realmente as necesidades educativas que teñen tantos alumnos e alumnas no concello de Ordes poidan ser atendidas”.
“Non soamente nos quedamos na falta de profesorado de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, que tantas necesidades hai a día de hoxe por cubrir”, subliña Bouza, que cita tamén o caso de “alumnos e alumnas que están sin valorar porque os equipos de valoración xa non dan feito, os equipos de orientación están absolutamente desbordados”.
O parlamentario tampouco quixo esquecer “unha cuestión fundamental, que é a falta de comedor neste centro educativo”. “Estivemos escoitando e, ao carón coma sempre do noso grupo municipal, trasladaremos ao Parlamento de Galicia todas estas reivindicacións, esixindo á Xunta que poña todo o necesario”, apunta. Concluíu pedindo ao Goberno galego que “se poña as pilas para que o vindeiro curso escolar todas estas reclamacións, todas estas reivindicacións que se fan dende as ANPAs, estean resoltas”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS