O PSdeG esixe á Xunta que reciba aos propietarios e propietarias das Fragas do Eume e apoia a súa recollida de firmas
- O deputado Aitor Bouza asinou o texto en nome do grupo socialista no Parlamento galego durante a última concentración do colectivo en Santiago de Compostela
O Grupo Parlamentario Socialista participou na última concentración convocada polos propietarios e propietarias das Fragas do Eume en Santiago de Compostela, e aproveitou a ocasión para apoiar unha vez máis a súa recollida de firmas asinando o texto para demandar que a Xunta se reúna co colectivo.
O deputado socialista Aitor Bouza quixo “esixirlle novamente ao goberno liderado polo señor Rueda, pois algo fundamental” e que xa leva reclamando o colectivo durante meses, que é “nada menos que pedir que se lles escoite”.

Bouza reclama “de maneira inmediata unha reunión formal para que a conselleira de Medio Ambiente reciba a estas persoas propietarias, e que tamén se revise o plan reitor de uso e xestión” que ten a día de hoxe o parque, entre outras reivindicacións.
Destaca tamén a reclamación de poder manter o propio parque en condicións, xa que “a día de hoxe non se pode por culpa xustamente da neglixente actuación que hai dende a Xunta de Galicia e o absoluto pasotismo nesta cuestión”.
Tamén, engade, que se poida “apostar por ter un sistema estable, suficiente, transparente, de compensación económica na liña da normativa europea”, como están a facer dende as asociacións de propietarios e propietarias das Fragas do Eume “no que respecta á reivindicación dos seus dereitos no marco da Unión Europea”.
Por todo iso, afirma Bouza, o PSdeG estivo “ó seu carón unha vez máis, non só apoiando, senón desta vez estampando tamén a nosa sinatura” e apoiando a súa concentración diante do Parlamento “dentro do seu propio percorrido para reivindicar esta cuestión”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS