- Os socialistas reclaman a continuidade asistencial, a cobertura das vacacións do persoal e evitar a redución de consultas e horarios
O Grupo Parlamentario Socialista vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta que manteña durante o período estival a actividade asistencial ordinaria en horario de tarde no Centro de Saúde de Caranza, en Ferrol, tras coñecerse a reorganización asistencial prevista entre o 15 de xullo e o 31 de agosto.
Segundo recolle a iniciativa, durante ese período desaparecerá a atención ordinaria en horario de tarde, trasladándose os facultativos e o persoal de enfermaría a quendas de mañá debido á falta de profesionais para cubrir o período estival.
O deputado socialista Aitor Bouza explicou que o obxectivo desta iniciativa é “esixirlle ao señor Rueda que manteña durante todo o período estival toda esa actividade asistencial ordinaria que en horario de tarde se desenvolve no Centro de Saúde de Caranza, en Ferrol”.
Bouza reclamou que a Xunta garanta a continuidade da atención sanitaria e defendeu que “non se vulneren os dereitos das persoas a poder recibir unha sanidade pública en condicións de igualdade ao resto de Galicia e, sobre todo, unha sanidade pública de calidade”.
A proposición non de lei insta ao Goberno galego a manter a actividade asistencial ordinaria en horario de tarde no centro de saúde durante o verán, adoptar as medidas necesarias para cubrir as ausencias por vacacións mediante a contratación dos profesionais precisos e preservar o dereito da cidadanía a unha atención sanitaria accesible, continua e de calidade durante todo o ano.
O deputado socialista insistiu en que a Xunta debe “adoptar todas as medidas necesarias para cubrir esas ausencias a través da contratación dos profesionais precisos e evitar a redución das consultas e dos horarios nos centros de saúde de Ferrol, particularmente no de Caranza, que é o afectado por esta nova medida”.
Bouza concluíu advertindo de que, se non se garante a continuidade da atención, “o que imos presenciar é un novo recorte da sanidade pública e dos dereitos das persoas de Ferrol e do barrio de Caranza”, e reclamou que se asegure “unha atención sanitaria accesible, continua e de calidade durante todo o ano, con independencia do período vacacional”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS