O PSdeG-PSOE denuncia de novo o abandono da Estación de Autobuses de Ferrol
- Aitor Bouza, xunto ao candidato á Alcaldía de Ferrol polo PSdeG, Ángel Mato, reclaman solucións inmediatas á Xunta ante a falta de avances e as promesas incumpridas desde setembro
Os socialistas Aitor Bouza e Ángel Mato denunciaron a situación da Estación de Autobuses de Ferrol, que, tras os incidentes coñecidos a través dos medios de comunicación ao longo desta semana, “parece unha estación fantasma”, con portas pechadas, dársenas sen iluminación e aseos que Aitor Bouza cualificou de “lamentables”.
Bouza criticou as dificultades que estas deficiencias supoñen para as persoas usuarias e describiu o acceso ao transporte público como unha “carreira de obstáculos: primeiro hai que conseguir entrar, despois, orientarse ás escuras e, finalmente, cruzar os dedos para que o autobús chegue”.
Pola súa banda, Ángel Mato cualificou de “inaceptable” a situación na que se atopa a estación e denunciou a pasividade do Goberno municipal de Rey Varela, “que non fixo nada para reclamarlle á Xunta a necesidade de manter esta infraestrutura con persoal e en boas condicións para poder ofrecer o servizo que presta”.
O candidato socialista á Alcaldía advertiu de que nos últimos días a estación permanecía pechada mesmo cando se iniciaban os servizos de autobús e que houbo varias xornadas nas que non contou con subministración eléctrica. Mato denunciou que estes problemas se producen “sen que o alcalde atenda as reivindicacións e reclamacións de moitos usuarios e usuarias que empregan diariamente a estación”.
Así mesmo, sinalou a responsabilidade da Xunta de Galicia, que, segundo explicou “foi notificada en numerosas ocasións dos problemas existentes sen que fixese nada para resolvelos”. Neste sentido, reclamou que o Goberno galego “adopte medidas para garantir o funcionamento da estación e que o alcalde de Ferrol reivindique diante do presidente da Xunta a necesidade de manter unha estación de autobuses en boas condicións para prestar o servizo á cidadanía”.
O parlamentario socialista tamén puxo o foco nos compromisos incumpridos pola Xunta, que nas últimas semanas anunciou a instalación dun sistema de portas automáticas e a corrección das deficiencias existentes. Segundo lembrou, en setembro xa se avanzara que os problemas quedarían resoltos, pero a comezos de novembro as actuacións anunciadas aínda non se materializan.
O deputado insistiu en que as reivindicacións non pasan por reclamar unha infraestrutura de luxo, senón por garantir cuestións básicas como que as portas estean abertas, que as dársenas conten con iluminación e que os aseos estean limpos. “Algo que non debería nin ter que ser esixible, senón que é competencia da propia Xunta de Galicia”, subliñou.
Ante esta situación, o PSdeG levará a problemática ao Parlamento de Galicia para esixir ao presidente da Xunta que dea unha solución inmediata. Unha iniciativa que responde ás demandas da cidadanía e ás preocupacións trasladadas polo candidato socialista á Alcaldía de Ferrol, Ángel Mato.
Bouza tamén reclamoulle ao alcalde da cidade non sexa cómplice desta situación e actúe en defensa dos intereses de Ferrol. “Ferrol non merece esta estación de autobuses e a Xunta só aparece para prometer solucións que nunca chegan”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS