Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Ordes solicita a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade trala crecente preocupación veciñal

  • Os socialistas piden unha resposta institucional coordinada e a participación de todos os grupos políticos municipais para abordar a situación de seguridade no municipio

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ordes solicitou a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade, tras a preocupación expresada por parte da veciñanza ante varios incidentes rexistrados nas últimas semanas no municipio. Segundo explicou o grupo socialista, o obxectivo da convocatoria é “activar unha resposta institucional firme, coordinada e inmediata”.

O PSdeG de Ordes indicou que “levamos tempo escoitando ás asociacións veciñais, colectivos sociais e veciños e veciñas a título individual que veñen denunciando a degradación da convivencia nas rúas” e que “compartimos, entendemos e facemos nosa esta preocupación da veciñanza”. Os socialistas sinalan que a súa petición prodúcese tras varios feitos acontecidos nos últimos meses, entre eles un apuñalamento en plena vía pública, ademais doutros “episodios graves anteriores”, como “un asasinato relacionado cun axuste de contas e a incautación de drogas e armas no termo municipal”.

“Non imos mirar para outro lado. É nosa responsabilidade como representantes públicos dar a cara, actuar con responsabilidade e poñer os medios necesarios para garantir a seguridade da cidadanía”, sinalan desde o grupo socialista.

Desde o PSdeG lembran que “a Lei 7/1985, do 2 de abril, atribúe aos concellos competencias claras en materia de seguridade cidadá e orde pública, así como a obriga de colaborar coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”. Engaden que a Xunta Local de Seguridade, prevista na Lei Orgánica 2/1986, é o órgano competente para avaliar a situación e propor medidas específicas.

O PSdeG-PSOE de Ordes solicita, ademais, que nesta convocatoria participen os tres grupos políticos con representación no Pleno, “co fin de garantir un plan de acción conxunto, transparente e eficaz, que dea resposta á demanda social e axude a recuperar a confianza e a tranquilidade nas rúas”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes