O PSdeG de Mañón denuncia un ano máis a ausencia de socorristas no municipio
O voceiro socialista local Martín Rego sinala que esta carencia, ademais dos malos accesos e as pasarelas en mal estado, fai que ningún dos areais mañoneses teña bandeira azul
O PSdeG-PSOE de Mañón denuncia a falla de socorristas nas praias do municipio. Dende o grupo municipal socialista lamentan que esta situación se repite ano tras ano. “En Mañón directamente non hai socorristas, os poucos que hai están na piscina municipal da localidade do Barqueiro”, explica o portavoz socialista local Martín Rego.
O edil socialista critica o que considera escusas do goberno local: “Sempre están argumentando que non hai socorristas, que non hai prazas, que hai prazas pero non hai persoal que acceda a elas…”. Rego apunta ás condicións laborais insuficientes como causa da ausencia de profesionais.
“Os socorristas son necesarios, sobre todo de cara a ter praias con bandeira azul, e neste concello houbo bandeiras azuis moitos anos, pero desde hai máis de 15 non volveu haber máis”, sinala o socialista.
Rego puntualiza que á ausencia de socorristas súmanse máis requisitos que non se se cumpren, como poden ser a falla de accesos axeitados para xente con mobilidade reducida ou o mal estado das pasarelas. “Non hai pasarelas ou están podres, o mantemento delas é nefasto, e os accesos son totalmente precarios”, indica.
O voceiro socialista reclámalle ao goberno local “que cubra as prazas de socorristas no municipio para que veciñanza e visitantes poidan desfrutar das nosas praias con tranquilidade e de xeito seguro”.
“Unha anécdota moi ilustrativa sobre esta cuestión é a de cando, nos últimos anos, varou un golfiño listado na praia de Bares, e o alcalde foi alí axiña para sacar a foto e falar de devolvelo á auga, aínda que o pobre animal xa estaba moribundo”, narra Rego.
“Porén, moi pouco despois, en cuestión de días, 8 persoas estiveron a piques de afogar na praia de Esteiro, ante a ausencia de socorristas, e ninguén foi alí a facer ningunha foto”, lamenta o concelleiro.
“Ao final, por sorte, as 8 persoas foron rescatadas e salváronse, pero podería ter sido unha desgraza”, salienta. “Parece que para saír en fotos con animais si están, pero cando a xente está a punto de afogarse non hai tanto interese”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS