O PSOE de Curtis reclama ao Goberno municipal que impulse a creación dunha Policía Local
- Os socialistas defenden que Curtis conta coa capacidade económica, a poboación e a dimensión territorial necesarias para dispoñer deste servizo e advirten de que reforzar a Garda Civil non exime ó alcalde das súas responsabilidades en materia de seguridade
O secretario xeral do PSOE de Curtis, Fernando Rey, insta ao goberno municipal a actuar con responsabilidade e iniciar os traballos necesarios para estudar a creación dunha Policía Local propia, unha demanda que considera “razoable e acorde coa realidade actual do municipio”.
Para os socialistas, Curtis acadou un nivel de desenvolvemento económico, comercial e poboacional que fai necesario reforzar os servizos públicos e avanzar na implantación de novas ferramentas de seguridade e proximidade para a cidadanía.
Neste sentido, Fernando Rey defende que Curtis conta coa capacidade económica, a poboación e a extensión territorial suficientes para dispoñer dunha Policía Local propia. “Curtis non pode seguir actuando como se fose o municipio de hai décadas. Hoxe contamos con dous núcleos urbanos claramente diferenciados, Curtis e Teixeiro, cunha importante actividade comercial, hostaleira e de servizos, ademais dun dos polígonos industriais máis importantes da provincia. Esa realidade require que o Concello asuma as súas responsabilidades e planifique o futuro con ambición”, sinala.
Desde o PSOE subliñan que apoian a ampliación da dotación de efectivos da Garda Civil no municipio, cuxo labor consideran fundamental e merecedor de todo o recoñecemento institucional. Con todo, advirten de que este reforzo non pode servir de escusa para que o alcalde eluda as competencias e responsabilidades que lle corresponden ao Concello en materia de seguridade.
“Respaldamos que se incremente a presenza da Garda Civil en Curtis, pero iso non pode ser unha escusa para que o alcalde eluda as súas responsabilidades. O Concello tamén ten competencias propias en materia de seguridade e debe asumir o seu papel para ofrecer un mellor servizo á veciñanza”, afirma Rey.
O dirixente socialista lembra que unha Policía Local non só desempeña funcións de seguridade, senón tamén de regulación do tráfico, vixilancia dos espazos públicos, apoio a eventos, control das ordenanzas municipais, seguridade viaria e atención de proximidade á cidadanía.
Fernando Rey considera que o Goberno municipal leva demasiado tempo evitando abordar un debate que resulta imprescindible para o futuro do concello. Ao seu xuízo, o crecemento do municipio e a consolidación do seu tecido empresarial obrigan a planificar servizos públicos adaptados ás necesidades actuais.
“Mentres outros municipios de características similares avanzan na mellora dos seus recursos de seguridade e atención cidadá, Curtis continúa sen abrir sequera unha reflexión seria sobre a creación dunha Policía Local. O responsable non é descartar o debate de entrada, senón estudar a súa viabilidade e analizar as distintas posibilidades existentes”, afirma.
O secretario xeral socialista defende que a posta en marcha deste servizo contribuiría a mellorar a seguridade nos núcleos urbanos, reforzar a vixilancia nas contornas escolares, apoiar o comercio local, incrementar a presenza institucional nas rúas e ofrecer unha resposta máis inmediata a numerosos problemas cotiáns da veciñanza.
Por iso, o PSOE de Curtis reclama ao Goberno municipal a elaboración dun estudo técnico, económico e organizativo que permita avaliar a creación progresiva dunha Policía Local propia, así como a apertura dun proceso de diálogo coas distintas forzas políticas e cos axentes sociais do municipio.
“Curtis necesita un goberno que pense no futuro e que planifique os servizos que demandará o municipio nos próximos anos. Non podemos limitarnos a xestionar o día a día. Chegou o momento de actuar con responsabilidade e comezar a construír as ferramentas que garantan unha maior seguridade e unha mellor atención aos nosos veciños e veciñas”, conclúe Fernando Rey.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS