Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O Partido Socialista denuncia os 13 días de espera para unha cita de atención primaria en Cariño e anuncia iniciativas no Parlamento e no Concello para esixir solucións inmediatas

  • O voceiro socialista en Cariño afirmou que “o que está ocorrendo no noso Centro de Saúde é a demostración máis evidente de que Rueda non ten un modelo de atención primaria”

O Partido Socialista alerta da situación “inadmisible” que sofre a veciñanza de Cariño pola falta de cobertura médica no Centro de Saúde, que obriga ás persoas usuarias a esperar ata 13 días para unha cita de atención primaria. Unha situación que, segundo o PSdeG, é consecuencia directa “da incapacidade e da falta absoluta de planificación do Goberno de Alfonso Rueda”.

O voceiro socialista en Cariño, afirmou que “o que está ocorrendo no noso Centro de Saúde é a demostración máis evidente de que Rueda non ten un modelo de atención primaria, nin vontade política para garantir un servizo sanitario digno nos pequenos municipios”. Engadiu que “as persoas de Cariño non son cidadáns de segunda; merecen ser atendidas en tempo e forma, e non esperar case dúas semanas para ver ao seu médico”.

O PSdeG lembra que este problema vén de anos atrás, agravado agora pola xubilación dunha das profesionais médicas sen que o Sergas adoptase medidas preventivas nin organizativas. “A Xunta sabía que esta situación ía producirse e, aínda así, non fixo absolutamente nada. Esa é a verdadeira responsabilidade de Rueda e do seu Goberno”, destacou o voceiro socialista.

Co obxectivo de esixir unha resposta inmediata, o Partido Socialista anuncia dous compromisos firmes. Primeiro, presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para obrigar á Xunta a reforzar o cadro de persoal e garantir que ninguén teña que esperar máis de 48 horas para ser atendido. E, en segundo lugar, o PSdeG rexistrará unha moción no Pleno do Concello de Cariño para instar á Xunta a adoptar unha solución estable e urxente que asegure a cobertura permanente das prazas de medicina de familia e pediatría. O voceiro socialista concluíu afirmando: “Se Rueda continúa mirando para outro lado, tomaremos todas as medidas políticas necesarias para que se respecte o dereito da veciñanza de Cariño a unha sanidade pública de calidade. A saúde non pode esperar e nós tampouco”.


Aitor Bouza – Centro de Saúde Cariño – nov25
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes