Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Os socialistas levarán a todos os concellos da provincia da Coruña unha moción para esixir que non suba o canon de SOGAMA

Trátase dunha iniciativa dos socialistas en toda Galicia, en resposta á subida anunciada pola Xunta de Galicia, pola que o canon mensual pasará de 66 euros por tonelada a 108 euros


O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña súmase á iniciativa dos socialistas galegos e levará a todos os concellos da provincia unha moción que esixa a non subida do canon de SOGAMA.

Esta subida, anunciada pola Xunta de Galicia, suporá que o canon mensual pase dunha media de 66 euros por tonelada a 108 euros por tonelada. Isto súmase á eliminación, no pasado mes de xuño, da bonificación do 15% no canon do lixo aos Concellos que se comprometeran a reducir o volume de lixo e envases lixeiros.

O texto da moción que se presentará nos concellos insta “a manter o canon establecido aos concellos galegos adscritos á xestión de residuos en Sogama de 66,00 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido”.

Tamén reclama a moción que se restaure “a anterior bonificación do 15 % deste canon unitario, cos mesmos requisitos, resultando así un canon bonificado de 56,10 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada”. O obxectivo disto é non castigar “aos concellos que levan dende o ano 2019 facendo os deberes cumprindo os compromisos medioambientais”.

Ademais, os socialistas piden “que se reparta a contía de 12 millóns de euros en concepto de Fondo Ambiental entre todos os concellos galegos, utilizando como criterio de reparto o número de toneladas depositadas por cada concello”, por entender que este diñeiro “pertence ás entidades locais ao seren detraído do Fondo de Cooperación Local.

A moción inclúe tamén, entre outras, as reclamacións de que se amplíen as plantas de biorresiduos existentes, como estaba previsto no Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022, e de que se constitúa unha comisión de traballo entre SOGAMA, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP para determinar as condicións do canon para o 2025.

“Esiximos ao goberno galego que mude a súa política de xestión de residuos cara unha xestión descentralizada con plantas de proximidade, e primando a redución e a reciclaxe fronte á incineración e o depósito en vertedoiro, axudando economicamente aos concellos para a implantación do contedor marrón ou formas análogas”, sinala a moción. “A Xunta non está a cumprir as recomendacións europeas no referente á xestión de residuos e isto fai que esteamos moi lonxe de cumprir os obxectivos de redución e reciclaxe marcados”,  advirten tamén os socialistas.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes